O «Julio Gurriarán» premiado por un traballo sobre Florencio Delgado

Publicidad

O galardón pertence ao concurso escolar da Real Academia Galega Primaveira das Letras

O concurso escolar da Real Academia Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán xa ten gañadores. Os tres colexios premiados a través do proxecto Primavera das Letras polas súas contribucións á divulgación da vida e da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 son o CEIP Fondo Nois (Foz), o CEIP de Seixalbo (Ourense) e o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras).

Os versos de Florencio Delgado Gurriarán inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema “Aí vén o maio”, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do mestre de Música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7000 visualizacións.

O colexio de Seixalbo presentou ao concurso Contádenos o voso Día das Letras de Florencio Delgado Gurriarán un vídeo breve, Un minuto con Florencio, que narra a vida do poeta valdeorrés con debuxos e a voz en off de alumnas e alumnos de sexto curso. A videocreación fíxose coa colaboración da canle Tik Tak Draw a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua do centro educativo. Suma preto de 6000 visualizacións en Youtube e foi presentada ademais fóra do ámbito escolar na Asociación Cultural As Agromadas de Seixalbo.

Publicidad

Entre outras actividades arredor da celebración do Día das Letras Galegas 2022, o profesorado do CEIP Fondo Nois argallou unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e amosoulles aos cativos e cativas, a partir dos seus “Poemas mexicanos”, distintas danzas do mundo. Un xogo interactivo sobre a vida de Florencio da man de Coguleo, a mascota da biblioteca escolar, biografías ilustradas, murais ou dramatizacións de episodios da vida do escritor son outras das propostas desenvolvidas dende o centro focense.

Entrega dos premios en outubro

A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado dos tres centros educativos que terá lugar na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.

O concurso Contádenos o voso Día das Letras conta co apoio da Deputación da Coruña, que patrocina o proxecto Primavera das Letras dende a súa posta en marcha no ano 2016. A que é a sétima edición desta iniciativa, centrada ata o momento na divulgación da figura á que a Real Academia Galega lle dedicada cada ano o Día das Letras Galegas, estreará este curso unha nova sección para profundar na divulgación da lingua galega entre o alumnado de infantil e primaria que será presentada proximamente.

Primavera das Letras comezou este ano unha nova andaina apostando por novas voces creadoras para contarlles a vida e o legado da figura protagonista do 17 de maio ao público máis novo. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, asinou a biografía dispoñible na páxina web do proxecto e a ilustradora Blanca Millán foi a encargada de darlle cor. O proxecto tamén ofrece, entre outras propostas, actividades interactivas sobre Florencio Delgado Gurriarán.