Un día despois, o 20 de setembro, haberá un vermú poético en Petín
Este sábado 19 de setembro farase público o nome do gañador ou gañadora da VII edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Será durante a gala poética que a Fundación FDG celebra ás 20:30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco e na que non faltarán a lírica, a plástica e a música.
A xerente da Fundación, Débora Álvarez Moldes, asegurou que será un evento dinámico, emotivo e «con algunha sorpresa», convidando á veciñanza a sumarse a esta celebración da poesía. Cunha duración prevista de menos dunha hora, o espectáculo contará coa presenza dos poetas finalistas: Rafa Vilar, Naila González e Francisco Fernández Davila.
Tamén actuará a cantante barquense Nerea Jiménez, quen interpretará varias pezas ao piano. Outra novidade deste ano do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriará é que se lle dará protagonismo á artista valdeorresa autora do cartel do Premio, a pintora ruesa Clara Quiroga.
Durante a gala, iranse intercalando a lectura dos poemas finalistas con actuacións musicais e vídeos coas reflexións do xurado deste ano, integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato, e a música e dramaturga Sara Faro. O seu faio coñecerase alí mesmo, outorgando un primeiro premio dotado con 3.000€ e os outros dous recoñecementos dotados con 500€ e 300€.
Vermú poético en Petín
Como prolongación do evento, o domingo 20 de setembro celebrarase na Praza Doutor Quiroga de Petín un vermú poético. Comezará ás 13,00 horas e contará coa presenza dos poetas finalistas e mais o xurado do premio. A cita, de carácter festivo, inclúe a actuación do grupo musical valdeorrés La Mano.
Integrada entre outros por Roberto Fernández, responsable do festival Oule-Go!, trátase dunha formación de recente creación dentro do colectivo Amava que agrupa a músicos valdeorreses e coa que a Fundación Florencio Delgado Gurriarán intensifica a súa colaboración.
A entrada a ambos eventos é libre ata completar aforo.
Os detalles dos poemas premiados do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán poden consultarse na web da Fundación ou nas súas redes sociais.






