Nesta sexta edición hai 226 textos admitidos a concurso de 138 autores e autoras diferentes
Enma Pedreira, Lucía Aldao, Inma Núñez, Luciano Rodríguez e Aleixandre Lago teñen lectura dabondo para as próximas semanas. Estas cinco persoas (poetas, músicas, filólogas e investigadoras) integran o xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que na súa sexta edición bateu o seu propio récord de obras presentadas a concurso. Habitualmente os poemas presentados estaban en torno aos 150, pero nesta sexta edición do certame hai 226 textos admitidos a concurso de 138 autores e autoras diferentes.
Este premio, que naceu no 2018 coa vocación de impulsar a creación poética en galego, ten un premio único de 3.000€ a un poema, o que o converte nun dos certames literarios máis importantes de Galicia. Os requisitos das obras é que sexan inéditas, estean escritas en galego e non superen os cincuenta versos de lonxitude. O xurado, terá o seu veredicto listo a finais de agosto e o 10 de setembro farase público o nome dos tres poemas finalistas.
Gala poética no Barco
O vencedor do premio coñecerase na gala que en cada edición pon o broche ao certame, reunindo palabra, música e territorio. O ano pasado a gala celebrouse no Bolo, resultando un evento agarimoso e cheo de lírica. Nesta ocasión será no Barco de Valdeorras, no Teratro Lauro Olmo, seguindo o criteiro da Fundación de facer as súas actividades itinerantes entre os diferentes Concellos da comarca.
Nesa gala volverá a ter protagonismo a imaxe deseñada para o premio por parte da artista valdeorresa Patricia Fernández, lapintiparada. O cartaz xoga con dous retratos moi coñecidos de Florencio, evocando o paso do tempo e as súas transformacións. Fernández súmase así ao equipo de artistas comarcais que teñen asinado colaboracións co Premio e máis a Fundación, entre os que tamén están Eva Piay, Carina Rodríguez ou Iván Prieto. Neste 2025 tamén se estrea como colaboradora da Fundación a poeta rubianesa Inma Núñez, no seu caso como parte do xurado.
Este achegamento á diferentes xeracións de artistas e manifestacións culturais da comarca é un dos valores postos en práctica dende a creación da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, hai agora un ano. Tamén a integración nas súas comisións de especialistas e activistas culturais dos ámbitos literarios, lingüístico, histórico, etcétera. Con todos eles planificáronse as actividades que se veñen celebradoneste 2025, como a posta en marcha do dicionario participativo de fala valdeorresa ou as xornadas sobre Castelao e Valdeorras.