É o mércores 14 de agosto con feira de produtos tradicionais e un amplio programa de actividades lúdico e cultural
Este mércores, día 14 de agosto, celebrarase no entorno do castelo do Bolo a segunda edición da Feira Irmandiña. Unha festa que se fai lembrando o pasado deste castelo na Idade Media e un dos feitos relevantes como foi o ataque dos Irmandiños a este fortaleza. A idea parte dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución.
Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o Concello do Bolo queren promocionar e poñer en valor.
Este ano conta con importantes novidades, entre elas, haberá pregoeiro, unha proxección audiovisual sobre os muros do castelo e representacións teatrais.
O pregón correrá a cargo do músico e científico Carlos Domínguez. O Concello do Bolo escolleu a esta persoa como pregoeiro para este ano por estar relacionado a través da súa familia co concello e ademais por ser unha persoa de relevancia no campo da ciencia e tamén recoñecendo a súa faceta como músico cantautor.
Carlos Domínguez, como fillo de emigrantes boleses, cando percorre o mundo dando conferencias como científico (licenciado en Ciencias Físicas e Doutor en Ciencias, director do Laboratorio de Tecnoloxía de Polímeros da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid) sempre fala da súa terra de orixe. Ademais nas letras das súas cancións están presentes tanto O Bolo como os emigrantes que dela saíron e que co seu esforzo puideron dar estudos e un futuro mellor aos seus descendentes. Cancións que por outra parte xa levan chegado a moitas partes do mundo, entre elas, lugares como o Líbano, a través do Instituto Cervantes.
23 postos, comida, xogos para nenos, música, teatro, visitas guiadas e
audiovisual sobre a torre
O grupo de goberno —presidido polo socialista, Alberto Vázquez— quere impulsar o coñecemento da historia e cultura deste concello e dos seus produtos tradicionais. O obxectivo é atraer máis visitantes a este municipio e poder xerar tanto movemento social como económico. Con este obxectivo continúase coa segunda edición da Feira Irmandiña, que se celebra de 11,00 da mañá ata as 23,00 horas da noite.
Nesta segunda edición seguirá tendo especial protagonismo a feira de produtos tradicionais da vila e da comarca, como o viño, o aceite, o mel, os embutidos, os doces, a artesanía. Un total de 23 postos estarán abertos durante todo o día na praza ao lado do castelo. Dentro do recinto amurallado instalarase este ano un posto de comida, que terá como novidade o porco asado ao espeto.
Ademais nos arredores da fortificación haberá xogos para os nenos e nenas e tamén estará presente a música con cantos de taberna tradicionais. Para promover o coñecemento da historia do castelo faranse visitas guiadas de balde ao interior do castelo ás 11, 13:30, 18 e 19:30 horas. Nesas visitas contarase a historia dos Irmandiños e a súa actuación neste castelo.
Entre as novidades deste ano haberá unha representación teatral no exterior do castelo pola noite, ás 20 horas, e tamén animación de rúas para que os veciños se reúnan a partir das 19 horas para subir ata o castelo e inaugurar a feira. A parte teatral estará a cargo da compañía Platea Lúa.
A outra innovación deste ano será un video mapping que se proxectará sobre a torre do castelo ás 22 horas baseado na historia do asalto a fortificación polos irmandiños e Idade Media. A proxección poderá verse dende moitas partes do casco urbano e incluso dende as parroquias de arredor.
Dende o concello animan aos visitantes a acudir vestidos de época para sentirse como os señores e irmandiños na Idade Media. En próximas edicións irase ampliando as actividades con esta temática.
A lectura do pregón será ás 12 horas na praza ao lado do castelo, onde estarán os postos de produtos tradicionais.
Programa da Feira Irmandiña
11,00 horas: Apertura da feira de produtos tradicionais da Praza do castelo e arredores con 23 postos de produtos variados.
Produtos na feira: viño, mel, queixo, aceite, doces artesáns, artesanía variada, palilleira, pulpeiro
12,00 horas: Pregón na praza a cargo do científico e músico Carlos Domínguez
14,00 horas: Comida no patio de armas con Porco ao Espeto. Compra de entradas a 12 €/persoa que inclúe prato de barro de recordo, pan e bica. Non inclúe bebida nin copa que se compra a parte.
17,00 a 21,00 horas: Tarde Cativa na Feira Irmandiña: Roteiro de xogos medievais, obradoiro de deseño de bandeiras, pintacaras e Inchable.
19,00 horas: Subida ao Castelo dende o Concello. Subida dende a casa do concello do grupo teatral Platea Lúa co chamamento ao ataque irmandiño do castelo.
20,00 horas: Representación teatral de Platea Lúa no entorno do castelo
20,30 horas: Cantos de taberna polo entorno do castelo
22,00 a 23,00 horas: Video mapping sobre a torre do castelo: proxección audiovisual sobre as paredes da torre do castelo coa historia da Idade Media e o ataque Irmandiño ao castelo. A proxección poderá verse dende todo o pobo incluso moito mellor que pegados á torre. Lugares ideais para ver a montaxe dende uns 50 a 100 metros no entorno do castelo. Zonas dende as que se divise ben a torre.
23,00 horas: Fin da festa no castelo.