A Ruta do Viño recibe 30.000 euros para impulsar as covas e o Clúster da Pizarra 60.000 para gastos de funcionamento
A xunta de goberno da Deputación Provincial vén de celebrar a súa sesión ordinaria semanal, onde se aprobou mobilizar un total de 426.954,8 euros para a cooperación con municipios e diversas entidades da provincia de Ourense.
Deste xeito, un total de 315.500 euros serán destinados a achegas para iniciativas empresariais, sociais, de enoturismo, deportivas e culturais. A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras recibirá 30.000 euros para un convenio colaborador de apoio á Ruta das Covas; e o Clúster da Pizarra de Galicia recibirá 60.000 euros para gastos de funcionamento.
No que atinxe á cooperación cos municipios, a Deputación asigna 111.454,8 euros. O Concello de Larouco recibirá unha achega de 50.000 euros para pavimentación e creación de pistas de petanca na contorna do pavillón municipal.