A Deputación asina un convenio co GDR para executar o Plan «Valdeorras ruta do viño milenaria»

Publicidad

Potenciará o enoturismo, o patrimonio natural e cultural da comarca para facilitar o aproveitamento turístico sustentable

O presidente provincial, Luis Menor, e a presidenta do GDR Valdeorras, María del Carmen González, asinaron un convenio de colaboración entre ambos organismos para coordinar a asistencia técnica e administrativa que achegará a Deputación para executar os 1,5 millóns de euros obtidos de fondos europeos con destino ao Plan de Sustentabilidade Turística “Valdeorras ruta do viño milenaria”, proxecto que se enmarca no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneratioEU.

Este Plan potenciará o enoturismo, ademais do patrimonio natural e cultural da zona oriental da provincia, coa mellora da xestión de uso público de diferentes puntos de interese, facilitando un aproveitamento turístico sustentable.

O Plan de Sustentabilidade Turística, promovido polos municipios da comarca a través do GDR Valdeorras en convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, permitirá levar a cabo 17 actuacións enmarcadas nos catro eixes (transición verde e sustentable, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade) que serán executadas no período 2023-2025.

Publicidad

“Valdeorras ruta do viño milenaria” é un dos proxectos beneficiarios da II Convocatoria extraordinaria do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022, financiado íntegramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Unha comisión de seguimento realizará as funcións de vixiancia, control, seguimento e resolución de cantas cuestións se susciten sobre a interpretación e aplicación do devandito convenio, e a presidencia da mesma recaerá na Deputación.

Trala sinatura do convenio, o presidente provincial, Luis Menor destacou que a Deputación amosa, unha vez máis, “ser a gran e máis útil ferramenta no ámbito da cooperación cos concellos”, desta volta facilitando a tramitación dun investimento de máximo interese para a comarca de Valdeorras que, ademais, “entronca cunha das liñas estratéxicas deste goberno provincial como é turismo, vinculado a un sector vitivinícola en auxe”.