O resultado orzamentario desprende un aforro neto de 175.392,11 € e unha débeda activa do 22,57%, a máis baixa da historia do Concello nos últimos 30 anos
O Pleno da Corporación municipal do Concello da Rúa, en sesión plenaria extraordinaria urxente, aprobou cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do Partido Popular a Conta Xeral de 2023.
Esta aprobación definitiva chega tras o seu ditame favorábel na Comisión Especial de Contas celebrada o 20 de febreiro e o período obrigatorio de exposición pública para a presentación de posíbeis alegacións, que finalmente non foron presentadas.
O resultado orzamentario desprende un aforro neto de 175.392,11 € e unha débeda activa do 22,57%, a máis baixa da historia do Concello nos últimos 30 anos.
O remanente de tesourería unha vez liquidada a conta é de 846.700,68 €, o que dá unha idea da solvencia económica coa que o Concello pode afrontar o que resta de ano.
A alcaldesa da Rúa, María Albert, destacou que este rendemento das contas desbloquea convenios pendentes de sinatura pero xa aprobados, que implican actuacións en servizos fundamentais como o abastecemento, o saneamento ou o Camiño de Inverno.
Ao tempo, a aprobación definitiva da Conta permite ao Concello da Rúa acceder ás subvencións de concorrencia competitiva que no 2024 non se puideron solicitar e que inclúen a contratación de persoal temporal, a realización de obras de mellora enerxética a través do Fondo de Cooperación Local ou a mellora de instalacións deportivas e culturais, entre outras.
Albert destacou que este era o documento indispensábel para proceder á elaboración e aprobación do Orzamento Municipal de 2025 que permitirá reconfigurar a estrutura de gastos e ingresos do Concello conforme á realidade actual e ás necesidades que presenta A Rúa no contexto de 2025.
Por último, e en relación coa Conta de 2024, a alcaldesa subliñou que “salvo catástrofe, o Concello prevé rendela en tempo e forma este mesmo ano dentro do prazo oficial; devolvendo así á entidade municipal á normalidade que se perdera en 2022”.