A aldea modelo de Meixide esperta interese en Portugal

Publicidad

O país veciño quere desenvolver no seu territorio aldeas intelixentes como as que promove a Xunta en Galicia

O modelo das aldeas intelixentes que está desenvolvendo a Xunta, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, está espertando interese dentro e fóra das nosas fronteiras. Así ocorre, por exemplo, con Portugal. Responsables e técnicos da Comunidade Intermunicipal Tâmega e Sousa, do país veciño, estiveron estes días en Galicia para coñecer esta iniciativa.

Unha delegación desta comunidade, que agrupa 11 municipios do norte de Portugal, achegouse ata o concello ourensán da Veiga para afondar, sobre o terreo, neste proxecto da Consellería do Medio Rural. Alí, recibiron explicacións por parte de técnicos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e do alcalde desta localidade, Juan Anta, centradas no modelo de aldeas intelixentes, por un lado, e na aldea modelo de Meixide, situada na Veiga, por outro.

Os responsables portugueses están recollendo información de cara a desenvolver unha iniciativa semellante no seu territorio. Ao tempo, as delegacións lusa e galega afondaron na procura de sinerxías e aliados a nivel europeo para integrar as aldeas intelixentes en proxectos de ámbito comunitario relacionados co desenvolvemento rural e coa dixitalización.

Publicidad

Asentamento da poboación

Cómpre lembrar que coas aldeas intelixentes búscase crear un territorio rural intelixente e contribuír aos retos de seguridade alimentaria e de asentamento da poboación no rural. Así, a través deste proxecto trátase de obter solucións innovadoras por medio da tecnoloxía, para desenvolver e implementar na rede de aldeas servizos dixitais rurais pensados para a bioeconomía deses espazos, así como solucións sustentables para a produción agraria e para a construción e urbanización, baseadas na natureza e na transición enerxética.

Publicidad

Desta forma, e co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, proporcionando ferramentas ás aldeas que permitan aproveitar as súas potencialidades, quérense desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo solucións innovadoras en catro liñas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais, solucións para a bioeconomía en aldeas, sustentabilidade e aproveitamento da produción agraria en aldeas modelo (orientado á economía circular entre elas) e melloras no núcleo das aldeas modelo.

Premio dos enxeñeiros de telecomunicacións

Precisamente, esta iniciativa das aldeas intelixentes vén de ser recoñecida recentemente polo Colexio Oficial e pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia co seu premio ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022.

Ademais, as aldeas intelixentes centrarán unha xornada monográfica que terá lugar este venres, día 7, na Cidade da Cultura de Galicia. Neste evento, que será inaugurado polo conselleiro do Medio Rural, José González, presentaranse os resultados acadados ata o de agora e os seguintes pasos a dar. Os interesados en participar poden inscribirse pinchando na súa web.