Publicidad

O galardón entregouse nunha gala poética celebrada no Barco na que Fran Fernández Davila fíxose co segundo premio e Naila González co terceiro

Rafa Vilar (Cee, 1968), filólogo, escritor e activista cultural, fíxose co VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán grazas ao poema O traballo e os días, recoñecido polo xurado como o mellor dos preto de setenta presentados ao concurso.

O galardón —convocado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán co apoio da Deputación de Ourense— está dotado con 3.000 € e foi desvelado nunha gala poética celebrada o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

Nese mesmo escenario recoñecéronse o poema Rosas de Saraievo, de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974), que recibiu un segundo premio de 500 €, e Un frío, de Naila González (Sarria, 2003), que quedou en terceiro lugar cun premio de 300 €. 

Publicidad

A sétima edición do Premio, como lembrou durante a gala a xerente da Fundación FDG, Débora Álvarez Moldes, chegaba este ano con varias novidades. A primeira e máis importante era que cada autor ou autora podía presentar un único poema. Esta decisión fundamentouse na importancia de recoñecer, mais que un poema, unha voz poética.

Iso foi, sen dúbida, o que tivo en conta o xurado deste ano, integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato, e a música e dramaturga Sara Faro. A maioría deles mandaron unha mensaxe en vídeo proxectada durante a gala.

En canto á poesía, tanto Naila González como o gañador, Rafa Vilar, leron os seus poemas sobre o escenario, mentres Fran Fernández Davila facíao a través tamén dun vídeo, xa que se atopa nunha residencia literaria en Irlanda.

Homenaxe a Alonso Montero

Á emoción dos versos dos poetas finalistas sumouse a forza da voz da barquense Nerea Jiménez, quen puxo a nota musical a un evento que tamén innovou na súa apertura, coa presenza no escenario de Clara Quiroga, autora do cartel desta edición. Esta artista valdeorresa abriu o acto lendo o poema de Florencio Delgado Gurriarán O trebón, o cal inspirara a súa creación.

Ese poema forma parte do Cancioneiro da Loita Galega, un poemario con obras de poetas exiliados co que Xesús Alonso Montero recuperou os versos de Florencio para a literatura galega a finais do século pasado, introducíndoo nos estudos universitarios.

O profesor Montero, falecido este 2026 en Vigo, recibiu tamén unha merecida homenaxe durante a gala, cunha imaxe súa sorrindo no día das Letras Galegas de 2022 en Córgomo enchendo a escena, mentres Nerea Jiménez interpretaba ao piano a canción Lela. Débora Álvarez destacou nesta homenaxe que «o profesor Montero foi un dos impulsores de que nós esteamos aquí hoxe coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán e foi e será sempre o noso presidente honorario».

Convivencia escolar

Outro dos momentos especiais da gala foi a presentación da convivencia escolar que esta próxima semana reunirá no barrio de Fontei, na Rúa, a máis de douscentos nenos e nenas de toda a comarca.

Nela, a través do xogo e do encontro, a rapazada poderá descubrir a vida e obra de dous escritores valdeorreses: Florencio Delgado Gurriarán e Corona González Estévez.

Esa actividade estará coordinada pola Asociación Cultural Nadel. Unha das súas integrantes, Iria Vila, formou parte ademais da gala do Premio, entregando un dos premios xunto con Moncho Teira, da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras, e Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses.

O resto dos premios foron entregados por Teresa Pérez e Elva Delgado, membros do padroado da Fundación, e por Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, e Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras.

Vermú poético en Petín o domingo 20

A gala do Premio de Poesía é cada ano un dos momentos clave da actividade da Fundación FDG e por iso, a celebración continúa mañá domingo 20 de setembro ás 13 horas cun vermú poético na Praza Doutor Quiroga de Petín. A cita, de carácter festivo, inclúe a actuación do grupo musical valdeorrés La Mano. Integrada entre outros por Roberto Fernández, responsable do festival Oule-Go!, é unha formación de recente creación dentro do colectivo Amava que agrupa a músicos valdeorreses e coa que a Fundación Florencio Delgado Gurriarán intensifica a súa colaboración.