O BNG lamenta o voto en contra do PP na proposta unha ambulancia de soporte vital avanzado para Valdeorras

BNG, Secundino Fernández
Publicidad

Cualifica o rexeitamento a unha proposición non de lei de «inadmisible discriminación»

O deputado do BNG, Secundino Fernández, cualificou de «inadmisible discriminación» o voto en contra do Partido Popular a unha proposición non de lei que esixía a inclusión dunha ambulancia de soporte vital avanzado para o distrito sanitario de Valdeorras no próximo concurso de transporte sanitario urxente terrestre.

Durante a súa intervención, Fernández lembrou que os populares coñecen «perfectamente» a grave situación sanitaria da comarca: «Coñecen Valdeorras, coñecen os seus problemas sanitarios, coñecen o problema coa pediatría en atención primaria. Saben que teñen 2.700 nenos e nenas sen atención pediátrica en primaria en Valdeorras. Coñecen o problema da falla de persoal facultativo en hemoloxía», chegando a lembrar que a asociación Asilival leva máis dun ano mobilizándose para demandar un hemólogo.

Carencias

Publicidad

O deputado nacionalista puxo o foco nas carencias do Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras –como a ausencia de incubadoras que obrigaba a desprazarse a Ourense para parir, ou mamografías que tamén esixen viaxar á capital– e na decisión da Xunta de pechar centros de saúde en fins de semana, o que «levará a toda Valdeorras a acudir ao PAC do Barco».

Tamén criticou que só haxa farmacias de garda no Barco, «o que implica que todas as mulleres e homes de Valdeorras están obrigados a ir a esa vila».

Para poñer en contexto a necesidade da ambulancia, Fernández detallou as dimensións dun distrito que abrangue 12 concellos, preto de 32.000 persoas repartidas en 6.685 km², con densidades que van dos 155 habitantes por km² no Barco aos 2,5 de Vilariño de Conso ou 3 da Veiga. «Un distrito sanitario moi extenso e bastante despoboado, con xentes dispersas por parroquias de montaña, con malas comunicacións, por estradas sinuosas e, en moitos casos, con graves deficiencias», engadiu.

Fernández fixo fincapé en que «nestas datas está definíndose o novo concurso de transporte urxente: cantas ambulancias, de que tipo, onde se localizarán».

Por iso, o BNG reclamou a Xunta a incluír unha base de soporte vital avanzado para Valdeorras. «Se os datos do Sergas son atinados, nos próximos meses sairá este concurso. É o momento de incluír esta ambulancia. Espero que apoien esta iniciativa para solucionar esta discriminación», concluíu.