Afirma que é unha necesidade básica para poder ataxar emerxencias no distrito sanitario
O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que insta ao Goberno galego a que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzando medicalizada ou de enfermería, dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia, para o Distrito Sanitario de Valdeorras.
Así se deu a coñecer nunha roda de prensa no Barco na que estiveron o diputado Secundino Fernández; a alcaldesa da Rúa, María G. Albert; o portavoz do BNG no Barco, Manuel Agra e o responsable comarcal, Roberto Quiroga.
Secundino Fernández explicou que as distancias no distrito con respecto ás poboacións e o Hospital de Valdeorras son inasumíbeis para unha actuación urxente cunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico agás que se medicalice cos profesionais dos Centros de Saúde oudos PAC do distrito.
«É unha cuestión básica para o noso distrito pois temos suficiente poboación e unhas distancias moi grandes. Pedimos algo que teñen todos, temos ese dereito sanitario para os veciños e veciñas de Valdeorras e imos seguir loitando por iso, vanos a saúde e a vida nelo», expresou.
Peche dos centros de saúde
Secundino Fernández tamén se pronunciou sobre o peche dos centros de saúde os sábados. «Os únicos que están abertos son onde hai PAC, os de O Barco, Viana e Trives. E o mesmo cas farmacias de guardia, que pecharon e so abren no Barco. E incríble a situación a que nos están levando co deterioro da sanidade pública».
Tamén a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, se pronunciou sobre o peche das farmacias de guardias e do centro de saúde da Rúa os sábados. «En Semana Santa estivemos catro días sin atención e o feito de ter que desplazarse ao Barco é un chanzo máis no deterioro da sanidade que non estamos dispostos a asumir», manifestou.





