Considera este servizo indispensable para a atención das emerxencias en Valdeorras
O BNG levará ao pleno da Corporación do Barco, o xoves 9 de abril, unha moción para que o Concello inste a Consellería de Sanidade a que no novo concurso de transporte sanitario terrestre se contemple unha base con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou de enfermaría dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galiza (RTSUG-061) para o Distrito Sanitario de Valdeorras.
O BNG afirma que por estas datas se definen as características do novo concurso de transporte urxente, é dicir, cantas ambulancias vai haber, de que tipo serán, onde se localizarán e como se vai dimensionar a «Rede de transporte sanitario urxente de Galicia».
Afirma que na medicina de emerxencias existe unha máxima que debe gobernar o quefacer dos profesionais, a Hora de Ouro, da que ten falado a Dirección Xeral de Tráfico pero que acuñou o célebre Dr Adams Cowley no 1960 cando dixo: hai unha «hora dourada» entre a vida e a morte. Se vostede é lesionado gravemente, conta con menos de 60 minutos para sobrevivir. Tal vez non morra entón, pode ser tras días ou dúas semanas despois, pero algo pasou no seu corpo que é irreparable».
Por iso, «unha emerxencia, precísase pois dar unha atención axeitada no tempo correcto, tendo sempre en conta que se o tempo de supervivencia é menor ao tempo de resposta o paciente morrerá antes de recibir a axuda axeitada».
Lembra o BNG que a densidade de poboación no Distrito Sanitario varía dende os aproximadamente 155,26 habitantes por km2 do Barco de Valdeorras até os 2,5 habitantes por km2 de Vilariño de Conso, os 3,01 da Veiga ou os 10,59 de Viana do Bolo. «É, por tanto, un distrito extenso e despoboado, con poboación dispersa por territorios de montaña con malas comunicacións, servizos de transporte e infraestruturas».
«As distancias no noso distrito con respecto ás poboacións e o noso hospital de referencia en Valdeorras son inasumibles para unha actuación urxente cunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico, agás que se medicalice cos profesionais dos Centro de Saúde ou dos PAC do distrito: temos distancias de O Barco a Pradorramisquedo entre 63,8 a 75,6 Km. dependendo das rutas, e de 86 a 90 minutos de tardanza até contactar co paciente».
De aí a necesidade dunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado, conclúe, poñendo como exemplo que outros distritos sanitarios galegos dispoñen de ambulancias medicalizadas e de soporte vital avanzado.






