A Estación de Manzaneda consolídase como destino de montaña

Xosé Merelles, na Estación de Montaña de Manzaneda
Publicidad

O director de Turismo, Xosé Merelles, visitou as instalacións, que rexistraron 14.599 visitantes desde o 23 de decembro ata o 11 de xaneiro

«A Estación de Montaña de Manzaneda pechou o período comprendido entre o 23 de decembro de 2025 e o 11 de xaneiro de 2026 cun balance moi positivo, tanto en afluencia de usuarios como en ocupación de aloxamento», salientou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante unha visita ás instalacións, «que consolidan así a súa recuperación despois de resultar afectadas pola vaga de lumes do pasado verán».

Xosé Merelles explicou que dun total de 14.559 usuarios, 8.915 foron esquiadores e 6.844 visitantes, «uns datos que poñen de manifesto o atractivo de Manzaneda non só para a práctica do esquí, senón tamén como espazo de lecer, natureza e turismo familiar, mesmo en xornadas nas que non foi posible a actividade esquiable», apuntou.

Ademais, o director de Turismo valorou a ocupación do complexo de aloxamento da estación que acadou próxima ao 87%, «con picos que chegaron ao 94% nos días de maior demanda».  

Publicidad

Os mellores rexistros na Estación de Montaña de Manzaneda concentráronse nos días centrais das vacacións de Nadal e en datas sinaladas como a Noiteboa, Fin de Ano e Aninovo, coincidindo cunha maior afluencia de visitantes e con estadías de carácter maioritariamente familiar.

Segundo apuntou o director de Turismo, os rexistros deste período supoñen un impulso moi importante para toda a tempada ao tempo que reforzan a estratexia da Xunta no que atinxe á diversificación da oferta, impulsando Galicia en xeral, e Ourense, en particular, como destino de inverno.

Ademais, «favorecen a consolidación de Manzaneda como destino de montaña os 365 días do ano, con impacto directo na economía local e comarcal». 

A Estación de Montaña de Manzaneda é un dos grandes atractivos da provincia de Ourense que conta con visitantes non so de Galicia senón tamén doutros lugares de España e Portugal.