O director de Turismo de Galicia sinala que o sector turístico emprega ao 10 por cento da poboación activa e sinala como un dos obxectivos de 2026 a preparación do Xacobeo 2027
Xosé Merelles, director de Turismo en Galicia, fai un balance moi positivo do turismo na Comunidade galega, que segue conquistando aos viaxeiros cun crecemento do 2 por cento, unha tendencia que segue á alza e que se traduce nun impacto na economía galega. «O turismo en Galicia cada vez é máis rendible«, di.
No que se refire a provincia de Ourense, ata novembro de 2025, un total de 25.727 persoas realizaran un total de 51.477 pernoctacións, un 3,7% máis de noites que no mesmo período de 2024. Destaca o incremento do mercado internacional, que sumou un 11,1% máis respecto ao ano anterior, con 3.696 visitantes (un 14,4% do total). Nos 11 primeiros meses de 2025, 314.911 persoas pasaron 612.135 noites na provincia, das que un 16,1% foron visitantes de fóra de España (un 5,9% máis que en 2024).
O ano 2026 comenza con grandes expectativas e os preparativos para o gran ano Xacobeo de 2027, un acontecemento que a un ano vista xa bota a rodar a súa engrenaxe.
Valdeorras de Cerca: O turismo en Galicia non para de medrar, ¿qué impacto ten na economía?
Xosé Merelles: O turismo en Galicia medrou arredor dun 2 por cento, tanto no número de visitantes como as pernotacións en establecementos hostaleiros. Vimos dunha serie de anos crecendo. O mais importante é que medran as cifras económicas. O turismo en Galicia cada vez é máis rendible. Os establecementos hoteleiros gañaron un 6 por cento máis que o ano anterior. É importante destacar este dato porque o sector turístico agora mesmo emprega a aproximadamente a un 10 por cento da poboación activa da Comunidade galega. En termos de PIB xa supera o 10 por cento de tal forma que é unha actividade económica moi importante. Onde máis medrou o turismo en termos absolutos na comarca ourensana de Celanova e na Terra Chá de Lugo, dúas comarcas do interior. En definitiva, vemos que aquelo que sementamos dende hai mais dunha década está producindo efectos positivos na economía galega.
V de Cerca: Cúmprense por tanto os obxectivos marcados desde Turismo de Galicia
Xosé Merelles: Están a cumprirse os obxectivos que nos marcamos, especialmente que a actividade turística sexa cada vez mais desestacionalizada. Un exemplo da desestacionalización son as festas gastronómicas como, por exemplo, a do Botelo do Barco que se festexa en xaneiro o que permite que haxa ocupación hoteleira e movemento en establecementos turísticos nas datas que non son turísticas. Estamos logrando que cada vez haxa mais ocupación en meses de baixa demanda e que esté máis desconcentrada a actividade turística.
V de Cerca: Cales son os obxectivos para 2026
Xosé Merelles: Estamos as portas dun ano Xacobeo e o obxectivo é seguir medrando en termos que podamos manexar de xeito racional, en canto ao número de visitantes, e prepararnos para ese gran acontecemento do Xacobeo do 2027 para o que xa estamos preparando a normativa, e que as empresas que queiran colaborar con nos nesta celebración poidan participar e se poda enriquecer esa oferta cultural e artística que ven acompañado o Xacobeo dende o primeiro que se celebrou en 1993.
V de Cerca: Os concertos do Xacobeo moven o turismo e as visitas, ¿haberá continuidade en Valdeorras despois dos que se fixeron no 2025?
Xosé Merelles: Este ano habrá continuidade cos concertos do Xacobeo a través do festival SilFest no Barco e o Son da Estación na Rúa. O ano pasado apoiamos o concerto de Budiño na Festa do Botelo e Carlos Núñez estivo nas Ermidas (O Bolo). Polo tanto, non podemos podemos facer menos que o ano pasado. Por desgracia, a vaga de lumes en 2025 aplazou de agosto a outubro o Son da Estación da Rúa, e foi un éxito, unha noite marabillosa. Valdeorras é unha comarca xenerosa, se hai algo que ofrecer, responde. Estamos abertos a facer o que vimos facendo desde hai anos apoiando festivais como o SilFest, o Terrasón, e o Son da Estación. Este último, probablemente terá a súa terceira edición e posiblemente tamén haxa concerto nas Ermidas. Todo está por medrar.









