XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Manzaneda: 27 e 28 de xullo

Publicidad

Participarán mais de 300 gaiteiros e gaiteiras con bandas de A Coruña, Lugo e Ourense

O XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas converterá a Manzaneda na capital mundial da música tradicional galega os días 27 e 28 de xullo, reunindo a máis de 300 músicos de A Coruña, Lugo e Ourense. O programa do certame foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; a directora territorial da Consellería de Presidencia da Xunta en Ourense, Beatriz Fernández; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo.

Este certame é “unha cita referencial do verán cultural na provincia de Ourense, que une dous elementos clave de dinamización do noso territorio: a música e a cultura coas paisaxes maxestuosas da provincia como é a Estación de Montaña de Manzaneda”, salientou César Fernández. Desde a Deputación “continuaremos a apostar por estas iniciativas que contribúen a sementar unha terra máis fértil para as xeracións do futuro”, engadiu o vicepresidente segundo do goberno provincial.

Pola súa parte, o alcalde de Manzaneda agradeceu o apoio da Deputación e da Xunta con este evento que leva “preto de 30 anos celebrándose en Manzaneda baixo distintos nomes”. Ao fío das orixes do Campionato das Bandas de Gaitas, Foxo explicou que este evento naceu “fai case 7 lustros coa filosofía de ser un elemento didáctico para que o alumnado traballase a súa posta en escena”.

Publicidad

Programación

O programa do sábado comezará ás 19.30 horas na praza da Igualdade co VII Serán da Seitura de Manzaneda-Memorial Ludivina Pérez- que naceu como foro para poñer en valor os cantos tradicionais das Terras de Manzaneda e Trives. Entre o numeroso grupo de cantareiras e cantores que se darán cita na celebración, cabe destacar a participación do artista Óscar Ibáñez, encargado de pechar o Serán da Seitura.

Posteriormente, o Festival Noite Celta pechará esta xornada chea de música tradicional na contorna da Estación de Montaña, a partir das 23.00 horas, con numerosas actuación de Bandas de Gaitas e grupos.

A fase final do XV Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas será o domingo a partir das 11.30 horas no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda, na memoria de Gabino García quen conxuntamente con Xosé Lois Foxo, impulsaron o Certame. No evento participarán máis de 300 gaiteiros con bandas de A Coruña, Lugo e Ourense. As distintas seccións do Certame complétanse con campionatos de gaiteiros solistas e bastóns de mando.

Ademais, coa actuación especial do Folión de Buxán, a organización pretende facer referencia á gran tradición dos folións nas Terras Altas de Ourense, con especial mención ao gran impulsor deste Folión, Severino Salgado García, un dos máis antigos da contorna. O gran espectáculo pecharase coa actuación conxunta das bandas interpretado o Himno do Antergo Reino de Galicia.