Xosé Manuel Merelles (PP): «O Goberno de Rueda deseñará oportunidades para emprender en Valdeorras»

Publicidad

Visitou a empresa de automoción Autoneum na Rúa

Xosé Manuel Merelles, membro da candidatura ao Parlamento galego polo PP de Ourense, destacou que un
Goberno autonómico encabezado por Rueda é o único garante para conseguir que “Galicia siga a funcionar”, porque avoga polo deseño dun modelo territorial “con oportunidades para todos os seus habitantes, con independencia de que residan nas contornas rurais ou urbanas, no que se cree emprego e se favoreza o emprendemento e o asentamento de novos negocios”.

Xosé Manuel Merelles, sinalou, logo de visitar as instalacións da empresa de automoción Autoneum, na Rúa, que Valdeorras conta con grandes recursos e activos para impulsar o seu crecemento definitivo en termos de innovación e tamén de proxección turística.

Publicidad

“Na comarca instálanse na actualidade diversas empresas de matriz internacional dedicadas a diferentes sectores relevantes como as solucións tecnolóxicas de hardware e software, o eido da pizarra ou o da automoción, como é o caso de Autoneum, a cuxa fábrica me despracei hoxe para coñecer de primeira man o traballo que nela se realiza”, afirmou Merelles.

Publicidad
Xosé Manuel Merelles, en Autoneum, en A Rúa

«Podemos xogar na primeira división»

Segundo destacou o membro da candidatura do PP de Ourense ao Parlamento de Galicia, Autoneum singularízase por ser a evidencia de que o tecido empresarial “emprazado no noso rural, pode xogar na liga da primeira división”.

Pertence a un grupo con máis de 45 plantas emprazadas en 26 países diferentes, cunha cifra global de emprego próxima aos 10.000 traballadores e “a fábrica de Valdeorras é unha das máis produtivas do grupo”, manifestou Merelles.

Malia á “indiscutible relevancia que estas grandes firmas xogan nas nosa comarca, dende o PP, é o noso desexo impulsar e dinamizar tamén a pequena empresa e o pequeno comercio. “Incrementaremos a taxa de actividade emprendedora”, destacou quen ata hai pouco foi director da Axencia de Turismo de Galicia.

Aposta polo emprego rural

“Está claro que o horizonte presenta unha serie de oportunidades e neste contexto, implantaremos o Bono Rural Emprende, concibido para impulsar iniciativas de emprendemento en concellos de menos de 5.000 habitantes, con
axudas económicas de 10.000 euros para a creación de empresas innovadoras no rural, xerando emprego de calidade”, destacou.

Precisamente, neste punto, tal e como manifestou o candidato, “preséntase unha gran oportunidade para o rural de Valdeorras, onde por outro lado, queremos desenvolver importantes iniciativas de impulso turístico”.


Neste sentido, o candidato polo PP tamén afirmou que eido empresarial e industrial e o turístico poden e deben darse a man e de xeito xa se están a planificar actividades para impulsar a comarca como un destino referente de turismo industrial.

Arredor dos activos industriais da comarca, “poderemos desenvolver un plan de acción que tamén teña en conta, ademais, outras singularidades e valores diferenciais deste territorio como os seus recursos enogastronómicos, o seu
patrimonio natural e arquitectónico ou todos os elementos etnográficos ligados á cultura do viño”, afirmou Merelles.

Previamente, antes de visitar as instalación de Autoneum, Xosé Manuel Merelles percorreu a Feira de Viloira xunto a un grupo de membros do Partido Popular na comarca, onde puido comprobar de primeira man o dinamismo comercial da zona.