A Deputación colabora nesta iniciativa que forma parte da programación da Capitalidade de Montaña de España
A Deputación de Ourense colabora cunha xornada sobre o futuro sostible dos montes organizada dentro da programación da Capitalidade de Montaña de España, recoñecemento que ostenta neste 2024, o Macizo Central Ourensán.
O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, presentou hoxe no Pazo Provincial estas xornadas, xunto aos alcaldes de Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río, Francisco Rodríguez, Patricia Domínguez, Amable Fernández e Xosé Miguel Pérez, respectivamente.
Con motivo deste recoñecemento da “Capitalidade de Montaña de España”, que ostentan durante o 2024 estes municipios ourensáns, aprobado por unanimidade pola Comisión Executiva da Asociación EsMontañas, celebraranse unha serie de eventos que servirán para propoñer, a nivel rexional e nacional, análises, debates e reflexións sobre a realidade socioeconómica á que se enfrontan os territorios de montaña no seu día a día.
Trala celebración das primeiras xornadas no pasado mes de abril en Chandrexa de Queixa, agora é a quenda para Manzaneda que acollerá este simposio sobre a xestión medioambiental e os casos de éxito de emprendemento, concretamente no que atinxe á creación dun futuro sostible para os nosos montes.
Neste sentido, Rosendo Fernández destacou o “compromiso firme” que amosou a Deputación con todo o que supón este recoñecemento, “conscientes do impacto positivo que suporá para estes territorios, tanto no que atinxe a súa proxección como polas actividades divulgativas e de análise que, como a que presentamos hoxe, acollerán ao longo do ano”.
Oportunidades para os municipios
O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, quixo agradecer á Deputación, “a alma mater desta iniciativa, sen cuxo apoio non teríamos esta oportunidade”, e explicou polo miúdo o programa previsto para estas xornadas, que se desenvolverán os días 20 e 21 de xuño e abordarán, entre outros asuntos, as compensacións por servizos medioambientais a importancia da gandería extensiva na prevención de incendios, os novos modelos de xestión forestal, a xestión e administración local e o emprendemento dos pobos de montaña. Precisamente, fixo extensible a invitación para acudir a estas xornadas “a todos os que queiran compartir experiencias de vida no noso rural, que nos enriquecerán sen dúbida”.
A alcaldesa de A Pobra de Trives, Patricia Domínguez, lembrou a importancia de que estas actividades sirvan para atraer visitantes aos municipios Capitalidade de Montaña, e lembrou que precisamente hai escasos días reivindicaron no Senado “unha lexislacion que discrimine positivamente ao noso rural de montaña, tal e como abordaremos tamén en setembro no congreso que temos previsto de EsMontañas en Trives”.
O alcalde de San Xoán de Río, Xosé María Pérez Blecua, reivindicou esta capitalidade “porque somos o altofalante de todos os pobos de montaña de España” e confía en que este recoñecemento sirva tamén para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Tamén aproveitou para convidar a todos os que asistan ás xornadas de Manzaneda a que queden a fin de semana “e poidan celebrar o San Xoán en San Xoán”.
Tamén incidiu na oportunidade de atraer visitantes aos pobos de montaña o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, quen lembrou que a fin de semana destas xornadas alberga tamén a Copa Trail de Chandrexa, e puxo en valor a importancia que supón para o municipio este recoñecemento, que se une a outras accións promocionais como a campaña patrocinada por Iberdrola titulada “Vente a vivir a un pueblo”.