Víctor Freixanes: «Florencio foi un home leal ao idioma galego»

Publicidad

O presidente da Real Academia Galega estivo en Vilamartín para presentar unha antoloxía poética de Delgado Gurriarán

O presidente da Real Academia Galega participou en Vilamartín na presentación do libro “Florencio Delgado Gurriarán. Unha antoloxía poética», obra de Editorial Galaxia, que recolle unha escolma de poemas realizada por Margarida Pizcueta e Débora Álvarez, impulsoras do proxecto As Letras de Florencio. Víctor Fernández Freixanes fixo o prólogo.

Freixanes falou e conectou co público. Lonxe de ser un acto solemne, convertiuno nunha reunión amigable, de amigos, amosando unha grande proximidade ca xente, cualidade que foi tamén suliñada pola propia organización. De xeito ameno e didáctico achegou a figura de Florencio Delgado Gurriarán e deu as claves dos méritos do autor que levaron a dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

Lembrou que non era a primeira vez que estivo en Valdeorras pois visitouna hai tempo, durante unhas xornadas sobre Florencio Delgado Gurriarán das que garda un grato recordo, sobre todo «do agarimo da xente non só arredor da Academia senón da figura do poeta», valorou.

Publicidad

«Cando un poeta como Florencio Delgado Gurriarán concita vontades tan diversas, tan distintas; vontades políticas, sociais e culturais, unha institución como a Academia ten que ser sensible a eso. Agora, recoñezo que o Día das Letras Galegas non se lle dedica a calquera poeta«, expresou o presidente da Real Academia Galega para poñer por riba o talento literario de Florencio.

Freixanes contou que hai anos «veu a visitarme unha delegación de alcaldes, e do IEV no que estaba tamén Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín, e lles dixen que había que poñer en circulación a obra de Florencio Delgado Gurriarán porque o que non se coñece, non se ama. E Florencio Delgado era un descoñecido, non para os estudosos, senón que non estaba accesible ao público».

Indicou que o feito de que haxa outra Antoloxía de Alonso Montero, que foi outro dos promotores desta nominación, «é algo que honra a memoria de Florencio Delgado Gurriarán. É unha antoloxía distinta, complementa a que fixo Maragarida e Débora», puntualizou.

O presidente da Real Academia Galega comentou que titulou o prólogo da Antoloxía «Dende o corazón de Valdeorras» pois é unha escolma de poemas «moi pegada a identidade do país do que é Florencio, dos distintos Florencios que hai na antoloxía».

Recitou versos de Florencio Delgado: «Teu cabelo é viño branco, os teus beizos viño tinto, os teus ollos augardente, quisera beberte a bicos». «Ai nena a túa boca toda é mosto agridoce de garnacha…»

E nun tono desenfadado dixo que era un poeta que «tiña bastante éxito cas mozas», algo que xa se coñece na súa biografía e polos recursos literarios utilizados, segundo puntualizou.

Invitou a ler a Florencio e deu os seus parabéns a Margarida e Débora polo traballo meticuloso feito, e tamén a Editorial Galaxia, neste último caso pola «arte final da edición» dunha antoloxía que calificou de elegante, sobria e cunha escolma de poemas afondan nas catro facetas de Florencio Delgado.

Víctor Freixanes falou dos «catro Florencios». A primeira parte da obra de Florencio, «Bebedeira», de 1934, é un poemario «da alegría de vivir, sensual, hedonista, pegado as paisaxes de Valdeorras, ao viño como unha das identidades mais gratificantes de estar respirando o amor, o viño, a paisaxe, a terra, o léxico dos lugares, que permite viaxar polos poemas e percorrer as localidades cas súas toponimias cunha gran forza», definiu. É un libro moi especial, engadiu, que evoca imaxes moi novedosas dentro da poesía desa época.

O segundo Florencio é o Florencio do exilio. Cando Academia Galega elexiu a Florencio Delgado Gurriarán. «Ademais de pola calidade dos libros, que non son moitos pero son moi auténticos, o que homenaxea a Academia é o exilio en México», remarcou.

Contou que sempre se falou do exilio en Buenos Aires, empezando por Castelao, que morre alí, e rematando con Rafael Dieste, con Eduardo Blanco Amor ou Eduardo Varela, entre outros, figuras as que se lle adicou as Letras Galegas e que sempre nos permitiu reivindicar a forza poderosa que o exilio significou durante uns anos, entre 1936 e 1939 e mediada a década dos 60.

A capital da cultura galega estaba fora, fundamentalmente en Buenos Aires. As grandes obras da literatura galega nacen do pulo do exilio, dixo Freixanes, citando dende as Cruces de Pedra de Castelao á obra de Luis Seoane ata Memorias dun Neno Labrego de Neira Vilas ou A Esmorga de Blanco Amor. «Nacen do pulo do exilio e da coherencia e xenerosidade deles. México non ten un papel cuantitativamente tan grande como o de Buenos Aires, pero si importantísimo desa resistencia, desa dignidade da cultura galega desos anos».

Puxo como exemplo que México é Carlos Velo, os irmás Bilbatúa, que son os fundadores da cinematografía documental mexicana, monumentos do audivisual en México, do «nodo» mexicano, do relato cinematográfico da actualidade.

Outro papel de Florencio é o de «militante. Non so participa na revista Vieiros senón tamén escribe de carácter reivindicativo, social, poesía de loita», dixo Freixanes.

Ademais, Florencio foi un home extraordinariamente leal ao idioma galego. «Ensina aos fillos e organizan escolas en México para que non se perda esa identidade que levaba no corazón e na intelxencia. Esa lealdade está aí, está nos seus poemas, mesmo nesos poemas retranqueiros contra o castrapo que publica», indicou o presidente da Real Academia Galega.

E, finalmente, remarcou a condición de traductor de Florencio Delgado Gurriarán, citando un libro de traducción de poesía francesa e inglesa.

Víctor Freixanes remarcou que a Antoloxía presentada en Vilamartín recolle un poema que Florencio Delgado Gurriarán traduce en 1951 e publica no 1957, e que lle dedica a Castelao, o famoso «Oh capitán, meu capitán», que tamén recitou.

O acto pechouse ca lectura de poemas do autor.

Na presentación da antoloxía no Centro Cultura Santa Lucía de Vilamartín (precedida dun roteiro arqueolóxico) estiveron e falaron, ademais de Víctor Fernández Freixanes, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras e co-autora da antoloxía; Débora Álvarez, coordinadora do proxecto As Letras de Florencio e co-autora da antoloxía; Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de
Estudios Valdeorreses; Francisco Castro, director de Editorial Galaxia e o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro.