Vagalume Valdeorras ten que cancelar o campamento de Nadal por falta de inscricións

José Fernández, presidente de Vagalume Valdeorras
Publicidad

É a primeira vez na súa historia «porque a participación viuse afectada pola presenza doutro campamento organizado por unha empresa privada»

Vagalume Valdeorras fai público un comunicado para explicar que despois de 26 anos organizando os Campamentos de Verán e de Nadal, «aínda tendo todo preparado con toda a ilusión, non poderemos realizalo nestas datas debido ao reducido número de inscricións», expresa José Fernández, como presidente do colectivo.

Este ano a participación —di— viuse afectada pola presenza doutro campamento organizado por unha empresa privada, que vai levar a cabo a súa actividade no Pabillón Municipal de Calabagueiros e que se anunciou nas mesmas datas. «Isto provocou unha diminución moi significativa nas inscricións habituais de Vagalume. A día 5 de decembro contamos con 9 rapaces de idades moi diversas, cando outros anos nesta mesma semana xa estaban practicamente cubertas todas as prazas», expón.

Con tan poucos nenos e tanta diferencia de idade «non poderiamos garantir unha experiencia segura, divertida e adaptada, nin ofrecer actividades adecuadas para cada tramo, algo que sempre foi unha das nosas prioridades», engade José Fernández.

Publicidad
Publicidad

Durante 26 anos, os campamentos de Vagalume tiveron unha identidade moi definida que a asociación valora así:

  • Foron inclusivos, analóxicos e baseados en valores educativos sólidos, creando un espazo seguro, creativo e cheo de maxia, no que os nenos e nenas eran sempre os protagonistas.
  • Contaron cun equipo de monitoras e monitores formados en educación, que achegaron seguridade, afecto, ilusión e profesionalidade. «A todos eles trasladamos a nosa gratitude infinita», subliña.
  • Ao estar organizados por unha asociación sen ánimo de lucro, sempre mantivemos prezos accesibles, garantindo que ningún neno quedase fora por motivos económicos.
  • Parte das achegas destinábase ademais a proxectos sociais, como axudas escolares ou os nosos Encontros Familia-Escola.

Vagalume Valdeorras sinala que «estamos moi orgullosos do traballo realizado ao longo de todos estes anos, dando resposta a necesidades educativas, culturais e sociais nun momento no que apenas existía oferta similar. As familias teñen sempre a liberdade de elixir o mellor para os seus fillos, e nós seguimos apostando por unha proposta baseada no coidado, nos valores e no acompañamento respectuoso aos ritmos da infancia. En Vagalume estaremos sempre dese lado».

Por este motivo, contactará individualmente coas familias inscritas para pedir desculpas, agradecer a confianza depositada e solicitar os datos para o reintegro das matrículas.

Ademais, ao longo desta semana poderán recoller en Praxis as árbores e a maceta para realizar na casa a actividade estrela deste Nadal: unha sobreira ou aciñeira, árbores fortes e resistentes que simbolizan o noso desexo de que os vagalumes sigan iluminando O Barco e Valdeorras durante moitos anos máis.

«Agradecemos de corazón o apoio recibido e quedamos á total disposición das familias para seguir colaborando, orientando e acompañando no crecemento feliz dos seus fillos e fillas», conclúe.