Foi realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións, e fai un percorrido pola vida e obra do poeta de Córgomo
O ciclo cine e literatura do OUFF, o Festival Internacional de Cine de Ourense, tivo nesta edición 2022 un protagonista claro, Florencio Delgado Gurriarán. A vida e a obra do autor valdeorrés, homenaxeado nas Letras Galegas, estiveron na pantalla do Teatro Principal Ourense onde hoxe estrouse o documental “Florencio Delgado Gurriarán. Do A ao Z”, realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Producións co apoio da Deputación de Ourense.
Tal e como describe o seu director, o documental é un percorrido pola vida e obra de Florencio, explorando todas as posibilidades da linguaxe audiovisual a través das palabras, os poemas, as paisaxes de Valdeorras e as achegas dos seus biógrafos, familiares e amigos.
Uns materiais que se combinan con imaxes e sons do seu arquivo persoal e familiar, xunto con músicas tradicionais e contemporáneas, os bailes, os viños e os lugares de Córgomo. Nel aparecen, ademáis de familiares de Florencio en México, Ricardo Gurriarán, Fátima Delgado, Héctor Carajaville e Xesús A. Montero.
Á estrea desta tarde acudiu unha representación do proxecto As Letras de Florencio, coa súa directora, Débora Álvarez, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, e a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta