O Barco acolleu un dos actos das Letras Galegas no que houbo concerto e repartíronse litros de leite ca imaxe do rostro de Florencio Delgado Gurriarán
Cooperativas Lácteas Unidas, CLUN, quixo poñer a súa pinga de leite nas Letras Galegas celebrando dúas homenaxes á figura de Florencio Delgado Gurriarán e que contaron coa colaboración de Deputación de Ourense e do Concello do Barco de Valdeorras.
No Barco, a Praza de Andrés de Prada, acolleu un acto ao aire libre no que participaron o biógrafo do poeta de Córgomo, Ricardo Gurriarán; o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Alfredo García Rodríguez, alcalde do Barco.
Tamén estiveron entre o público as fillas de Florencio Delgado Gurriarán e o seu neto ca súa esposa. E acudiu a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista e o senador Miguel Bautista.
A música Sr. Jingles, que interpretou varios poemas do autor nado en Córgomo.
Durante o concerto repartíronse litros de leite Feiraco ca imaxe do rostro de Florencio estampada no cartón.
Feiraco vén lanzando desde hai anos a edición especial de briks de leite coa imaxe do escritor homenaxeado. Esta iniciativa englóbase na colaboración histórica de Feiraco coa Xunta de Galicia para difundir a celebración das Letras Galegas e a obra dos distintos creadores recordados, e exemplifica a aposta de CLUN polo idioma, a cultura e o patrimonio galegos en todos os seus ámbitos de actuación.
Ademais do acto homenaxe, a marca máis tradicional de CLUN, Feiraco, quixo celebrar as Letras Galegas con todos os veciños de Ourense e do Barco.
Por esta razón, e en paralelo ao encontros culturais, tiveron lugar sendas accións no exterior e que consistiron nunha entrega gratuíta de leite co envase da edición especial homenaxe Letras Galegas 2022.
En Ourense, concretamente no Centro Cultural Marcos Valcárcel que contou coa presenza do director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, e do vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández.
Gallástegui afirmou que para CLUN “é unha honra sumarse ao recordo de Florencio Delgado que toda Galicia fai co gallo das Letras Galegas, un recoñecemento merecido, polo seu legado literario, cultural e político. A persoeiros como Florencio Delgado debémoslles que as galegas e galegos vaiamos polo mundo exercendo como tales, con orgullo do que somos e con orgullo do que facemos”.
Porque detrás das marcas (Feiraco, Únicla e Clesa) «non está unha empresa máis —dixo—, está CLUN, unha cooperativa rural galega, que ten un compromiso con Galicia que transcende de intereses meramente mercantís. Transmitimos Galicia desde todos os produtos que de principio a fin fanse en Galicia».
O desexo é que «as miles de familias que confían en Feiraco dentro e fóra de Galicia poidan achegarse máis ao papel decisivo que tiveron na construción de Galicia persoas como Delgado Gurriarán».
Pola súa parte, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, destacou que “unha cooperativa como CLUN ten algo en común coa Deputación, que ten no seu ADN o sentimento de cooperación”. Ademais, felicitou a CLUN non só por iniciativas como esta, senón por estar como “unha cooperativa pegada ao territorio, ligada ao sector primario”, que tamén fai unha aposta “polo noso elemento fundamental de identidade: a lingua”.