Di que os viticultores teñen que agardar ata un ano pola tramitación de actualización e modificación de datos
O BNG levará ao Parlamento galego unha proposta para que se dote de persoal suficiente ao Rexistro Vitícola, especialomente no ámbito da D.O. Valdeorras, para que resolva con axilidade os expedientes de actualización e modificación do rexistro vitícola instados polas persoas viticultoras e que se solucione de oficio os déficits que ten o rexistro vitícola de Valdeorras. Así o deu a coñecer o parlamentario nacionalista Secundino Fernández nunha rolda de prensa no Barco na que estivo acompañado do responsable comarcal do BNG, Roberto Quiroga e os concelleiros do Barco e a Rúa, Manuel Agra e Avelino Fernández, respectivamente.
Secundino Fernández valorou que Valdeorras conta cunha Denominación de Orixe cunha gran calidade e cantidade viños. «É un sector agrícola punteiro, que está a mellorar día a día, sendo hoxe un escaparate para toda a comarca», indicou. Dixo que é un sector fonte de emprego na comarca e lembrou que o Rexistro Vitícola de Galiza, que leva en funcionamento dende o século pasado, é un instrumento técnico-administrativo esencial para o mellor coñecemento da situación real da viticultura galega, competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
«Este rexistro, á disposición das persoas viticultoras para calquera actualización ou modificación de datos, ten unha importancia crucial para as explotacións vitícolas galegas. Por este motivo, deberá manterse con información actualizada e fiable do potencial de produción vitícola de Galiza», reseñou Secundino Fernández.
O parlamentario do BNG suliñou que os propietarios vitícolas sofren e padecen os problemas que teñen en moitos dos datos que reflicte dito rexistro. «Isto fai que os tramites burocráticos sexan moi laboriosos e lentos, con tempos de espera ata de un ano, desesperando as e os titulares que tardan meses e meses en resolver os procedementos iniciados. Non é de recibo que a Xunta de Galiza sexa un tapón para este sector agrícola fundamental na comarca de Valdeorras», concluiu.
Por iso, leva ao Parlamento a solicitude de que a Xunta dote de personal ao Rexistro Vitícola.