As antigas escolas rexistraron unha remodelación para usos lúdicos, culturais e sociais que contou co respaldo de Turismo de Galicia
Seadur (Larouco) conta desde de hoxe cun novo espazo rehabilitado para usos lúdicos, de lecer e culturais para veciñas, veciños e visitantes, nas antigas escolas da localidade que foi presentado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado da alcaldesa, Patricia Lamela.
As obras consistiron nunha mellora no interior do edificio e na dotación de bancos, mesas e xardíns no exterior da edificación, que foron deseñados con criterios ecolóxicos, nos que destaca a integración da paisaxe de Seadur.
Ademais, creouse un xardín multixeneracional con vexetación e mobiliario para público infantil e adulto, integráronse distintos elementos vexetais e outras especies e engadíronse zonas de plantado nos pavimentos duros existentes.
O espazo multiusos conta cunha estrutura de madeira tipo pérgola, con 7 pilares dobres en forma de V conectados co centro veciñal con mobiliario a medida.
A rehabilitación incluiu tamén a creación dunha praza cultural con grada-mirador e cine con mobiliario a medida con tumbonas para contemplar a paisaxe, plataformas para descansar e gradas para eventos como proxeccións ou representacións. Tamén conta cun paseo nunha contorna natural con especies autóctonas.
O director de Turismo de Galicia salientou a satisfacción do Goberno galego á hora de acometer actuacións coma a executada en Seadur (Larouco) que ademais de incrementar o interese turístico deste concello entre os visitantes, tamén supón un espazo para o encontro da cidadanía. «É un espazo multiusos para a estancia e actividades de distinto tipo, entre elas as sociais e culturais», asegurou o director de Turismo.
Xosé Merelles animou a facer uso destas instalacións para promover outros recursos turísticos da comarca como é o enoturismo e a promoción da gastronomía, celebrando nel encontros e eventos que poñan en valor este destino.
Turismo de Galicia invertiu más de 100.000 euros nesta actuación, un lugar soprendente do que disfrutar.



























