Santiago Camba Bouzas, novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Publicidad

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu a presentación

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu a presentación de Santiago Camba Bouzas como novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Expresou que considera necesario “un pacto a tres bandas entre Administración, profesionais sanitarios e pacientes para definir a sanidade do futuro”. Así o sinalou, na presentación de Santiago Camba Bouzas, como novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. 

Neste acto, que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, así como do xerente do Sergas, José Ramón Parada, e do director de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, ademais de representantes dos colexios profesionais e da xunta de persoal, xefes de servizo, e coordinadores de atención primaria, o conselleiro dixo que “Galicia ten un sistema de saúde de primeiro nivel, do que se amosou moi orgulloso, pero que é necesario optimizalo”.

Gómez Caamaño sinalou que a súa mellor ferramenta vai ser o diálogo e amosouse disposto “a falar de todo e con todos”. Tamén considera necesario “protexer, preservar e optimizar o sistema de saúde” e, a tal efecto, pediu a colaboración de todos.

Publicidad

O conselleiro de Sanidade incidiu na necesidade dunha sanidade pública baseada nunha interacción real entre a atención primaria e a atención hospitalaria, “para que o concepto de continuidade asistencial sexa unha realidade que impacte nos pacientes de xeito positivo”. Unha sanidade pública de calidade, incidiu Gómez Caamaño, “orientada aos resultados en saúde da poboación e que coide aos pacientes e aos que coidan dos doentes”.

O titular de Sanidade tamén apostou por desburocratizar ao máximo o traballo dos médicos, “e que o acto clínico sexa de valor para o paciente”, o que redundará en máis tempo e máis recursos destinados á protección da saúde dos galegos. Avogou, así mesmo, por unha sanidade diferente “que se adapte ás necesidades dunha poboación envellecida e á idiosincrasia dos novos profesionais sanitarios”, e por unha integración racional da innovación tecnolóxica, da farmacéutica, así como da medicina personalizada e da intelixencia artificial.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria dixo tamén que “considera fundamental prestixiar a atención primaria e a figura do médico de familia”, e subliñou a máxima confianza no novo xerente, coñecedor da realidade asistencial da provincia.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o xerente saínte Félix Rubial, pola súa súa dedicación e esforzo ao longo destes anos.

Santiago Camba Bouzas

Nado en 1960, Camba Bouzas é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía. Conta con praza como médico de Urxencias e tamén do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica e cun diploma en Alta Xestión Hospitalaria da Escola Galega de Administración Sanitaria.

Foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia entre os anos 1990 e 1995 e vicepresidente da Deputación provincial de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou coa Vicepresidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias. Entre 2000 e 2001 foi director provincial do Servizo Galego de Saúde en Ourense e, entre 2009 e 2012 foi secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Ocupou postos de responsabilidade nas Embaixadas de España en Brasil,Venezuela, Argentina, Colombia e República Dominicana.

Na actualidade viña exercendo como coordinador cirúrxico e trumatólogo no Hospital do Barco de Valdeorras.

José Santiago Camba Bouzas é coautor de máis de 20 estudos de Medicina, Cirurxía, Ortopedia e Seguridade Social en publicacións científicas e revistas especializadas nacionais e estranxeiras.