Está aberta ao público, será o 3 de decembro e afondará na construción para a edificación sostible do futuro
O Concello de A Veiga organiza a I Mesa da Madeira que leva por nome “A construción en madeira para a edificación sostible do futuro”. Esta xornada técnica será presentada polo alcalde, Juan Anta Rodríguez, ás 11,45 horas do 3 de decembro na Biblioteca Pública.
Haberá dúas mesas. A primeira será moderada polo director técnico de Ametlam, Hugo Rodríguez García, e afondará nas políticas e a visión de promotores e construtoras sobre o papel que terá que xogar a madeira na edificación dos pobos e cidades. Participarán Jacobo Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA); Juan Antonio Gómez Pintado, presidente da corporación VIA AGORA formada por diferentes empresas onde destacan inmobiliarias, construtoras e fábricas da transformación do sector da madeira— e Roberto
Lameiro Alonso como administrador da construtora Galega Petrolam Infraestructuras.
A segunda das mesas, adicada o ciclo da madeira dende o monte ata a prescrición para o seu emprego na edificación, pasando polos distintos procesos industriais e I+D+I, será moderada por Alfredo Fernández Ríos, responsable da área de Información Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e estará formada polo director técnico da empresa de servizos forestais con sede na Veiga —Ametlam—, Hugo Rodríguez García; o enxeñeiro Forestal e responsable do aserradeiro de Ponteareas Maderas Hnos. Castro, Abel Castro Rodríguez, o arquitecto e socio de MolArquitectura, Juanjo Otero Vázquez e a responsable de solucións construtivas de Financiera Maderera S.A (FINSA), Emma Romero Brey.
A xornada será pechada polo delegado da Xunta en Ourense Manuel Pardo Cid.
O Concello convida a todas as personas interesadas a asistir tanto do sector da madeira como público en xeral.