Esta cooperativa instalou puntos de intercambio de libros en O Bolo, Larouco, A Veiga e Porto
Outonía Sociedade Cooperativa, que ven de recibir o primeiro premio ao desenvolvemento rural na categoría de iniciativas promovidas por mulleres, convocado por AGADER, promove o programa de animación á lectura “Bibliotecas Mutantes» instalando a finais do pasado mes catro dispositivos de intercambio de libros nos concellos de Larouco, O Bolo, A Veiga e Porto.
As «bibliotecas mutantes» son unha iniciativa desta cooperativa que, en alianza cos concellos, queren promover a lectura no medio rural. Para iso, seguindo o modelo das bibliotecas libres, crease unha instalación que serve para que as persoas poidan deixar ou coller libros.
As responsables destas casetas é toda a veciñanza, son as encargadas de deixar os libros que lles gustaron moito e queren compartir con outras lectoras do pobo, ou aqueles que non lles gustaron nada e cren que a outra persoa lle gustaría. Tamén son as encargadas de mirar se hai algún que lles apeteza ler e collelo.
Estas instalacións son cada vez máis habituais nas cidades en espazos como antigas cabinas, no metro, ou en espazos públicos. Con esta proposta a cooperativa aposta por atraer a innovación ao entorno rural e propiciar a colaboración veciñal. Esta é unha iniciativa financiada a través de Programas de animación a la lectura en el mundo rural 2024, Plan de fomento de la lectura 2021 – 2024 do Ministerio de Cultura a través da Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura.
Outonía
A cooperativa Outonía nace no ano 2021 da man das educadoras sociais: Araceli Macías do concello da Veiga, Tania Sánchez, dende Manzaneda, e Paula Carrera dende Quiroga. Con sede neste último concello Outonía realiza proxectos de innovación social nos concellos rurais de Lugo e Ourense. A súa labor foise incrementando ata que neste último ano 2024 se incorpora una nova socia, Branca Albán, dende o concello do Incio. É desta maneira que a cooperativa chega aos lugares máis “afastados”: ás escolas rurais, centros de maiores, asociacións, concellos, etc. Esta labor recoñecida o pasado mes de decembro pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través dos XV Premios ao Desenvolvemento Rural onde se obten o primeiro premio na categoría de iniciativas promovidas por mulleres.