O Teatro Principal de Ourense, epicentro do Festival Internacional FITO

Publicidad

O festival ofrecerá unha completa programación entre o 16 e o 26 de outubro con tres estreas absolutas

Durante os días 16, 18, 19, 23, 24, 25 e 26 de outubro, o XVIII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) eríxese novamente como un baluarte da cultura democrática e unha plataforma dinámica onde converxen múltiples xéneros, experiencias vitais e formas de expresión artística, tecendo pontes de comunicación tanto co seu público fiel, que ano tras ano espera esta cita, como con aqueles que aínda non descubriron o seu atractivo singular.

O Teatro Principal, o Liceo de Ourense e o Campus serán os escenarios, onde haberá 3 estreas absolutas: 67 Graos, de Ourense Efervescénica; Cuore de Italia, de Priscila; e Xoguetes Rotos, de Barrosanta.

Publicidad

Así quedou de manifesto na presentación deste certame, onde participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a directora do FITO e membro de Sarabela, Fina Calleja; o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez-Rajo; o xerente do Liceo, José Luis Troitiña;  e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Publicidad

César Fernández agradeceu a Sarabela o seu traballo «como axentes culturais de primeiro nivel», e ratificou o compromiso da Deputación coa Cultura e coa colaboración institucional, «non só polo valor cultural que enriquece á nosa sociedade, senón polo dinamismo económico que a Cultura lle dá ao noso territorio». 

Na mesma liña manifestouse o director da Agadic, Jacobo Sutil, lembrando que «desde a Xunta sentímonos moi cómodos na cooperación coa Deputación». Tanto o vicerreitor do Campus como o xerente do Liceo, Rodríguez-Rajo e Troitiña, respectivamente, amosaron a súa «satisfacción» por acoller espectáculos do XVIII FITO.

Nestes 18 anos de fértil traxectoria, o FITO «mantén intacta a súa ambición de expansión e influencia», deseñando unha programación que quere apertar á cidadanía no seu conxunto, tal e como explicou a directora do certame, Fina Calleja. O Teatro Principal convértese así, unha edición máis, «no  epicentro da experiencia, un espazo de encontro e diálogo propicio para abordar temas de profunda relevancia social».

Programación de outubro

O Teatro Principal continúa coa súa programación de outubro. O día 11 actuará Koko Jean & The Tonics; o día 12, Vargas Blues Band Feat. Bobby Alexander; o día 15, se porá en escena Ludovico2.5 (Aula de Teatro Universitario de Ourense -Grupo Maricastaña 2025- UVIGO); o 16, chega «Alta Costura» (FITO); o 17, actúa a Real Filarmonía de Galicia; o 18 é o turno de «Antiga Novidade» (FITO); o 19, «Sophie non é o meu nome de guerra» (FITO); o 23, «Feliz Día» (FITO), o 24, «Xoguetes rotos» (FITO); o 25, «Os Dous de Sempre» (FITO) e o 29, «Amalia y el río» (FITO).