O Son da Estación da Rúa será o 18 de outubro

Publicidad

O festival, que tivo que ser adiado no verán por mor dos incendios, contará coa actuación de Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e Señora DJ

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia aterran na Rúa este outono cunha nova edición do festival O Son da Estación. O festival, cuxa celebración estaba inicialmente prevista para o 15 de agosto, pero tivo que ser adiado por mor dos incendios, ten xa a nova data para a súa celebración: será na tarde-noite do sábado, 18 de outubro, na Praza da Estación da localidade ourensá. 

O evento, que reúne algunhas das mellores figuras da escena musical galega do momento, conta no seu cartel con Carlos Ares, Mondra, Agoraphobia, Green Angels e Señora DJ. A Xunta de Galicia dálle cobertura a esta cita singular co talento galego, con entrada de balde para todos os públicos. 

A voz auténtica e única de Carlos Ares, as súas raíces galegas e os seus sons vangardistas converteron ao artista na grande revelación da escena musical estatal dos últimos tempos. En A Rúa, o músico presentará o seu impecable indie pop e folk, que navega entre a tradición e a modernidade, con cancións que respiran emoción e autenticidade.

Publicidad

Xunto a el, actuará, tamén, Agoraphobia, a troupe de rock alternativo nada en Boiro, que regresou a comezos de ano ás ondas con Eyes Never Lie –o primeiro avance do seu novo álbum que sairá á luz en outono. O público de O Son da Estación poderá descubrir en vivo este novo tema, como testemuña de toda a intensidade e as letras profundas da banda, que nunca defraudan.

Asi mesmo, o premiado artista, cantareiro e bailador Mondra súmase tamén á festa para presentar os temas do seu segundo e recente traballo discográfico DE RONDA, ademais doutros dos seus hits máis celebrados. Finalmente, Señora DJ será a encargada de amenizar as pinchadas aos pratos.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, sinala que «co apoio dos Concertos do Xacobeo, da Xunta de Galicia, O Son da Estación regresa á Rúa cunha proposta fresca que apoia o mellor talento musical galego, cos sons máis ricos e celebrados: do rock alternativo ao pop, da música tradicional á electrónica. Da nosa man, figuras da relevancia de Carlos Ares ou Mondra actuarán en directo para centos de persoas das idades máis diversas, poñendo en valor a música en vivo en localidades diversas, lonxe de grandes urbes ou os macro festivais, cunha proposta atractiva e auténtica, que enriquece á nosa contorna este outono, nunha zona que se recupera dos incendios sufridos este verán”.

Concertos do Xacobeo

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Noia Harp Fest e máis de 180 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia. 

Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, o directo de Carlos Núñez nas Ermidas (O Bolo), O Son da Estación (A Rúa) ou o novo Festival Ou Yeah! 

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.