Apoia ás reivindicacións para que se repoñan os horarios e frecuencias do AVE
O PSdeG-PSOE de Ourense chama a participar na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa do Tren para o vindeiro sábado 2 de agosto, ás 18:30 horas, na Estación Vella da Gudiña, a través da presentación dun vídeo coral de apoio ás reivindicacións da mobilización cidadá. O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, anunciou que os socialistas ourensáns estarán presentes na mobilización «non coma políticos, senón coma veciños que defendemos o futuro da nosa terra e o dereito básico á conectividade ferroviaria».
«O tren non é un luxo, é un dereito básico da nosa xente. Sen conexións útiles, estamos a condenar o noso rural ao illamento e ao seu lento esmorecemento”, fincou o secretario provincial socialista. Segundo Vila, “durante décadas loitamos por ter infraestruturas de calidade, pero ¿de que nos serve ter unha estación moderna se os horarios que nos poñen ao dispor fan que sexa inútil para a veciñanza?»
O dirixente socialista subliñou que a problemática dos recortes ferroviarios «non é só un problema do tren, é un problema de dignidade territorial, de igualdade de oportunidades e de xustiza social para as comarcas do interior da nosa provincia». Vila tamén destacou que os horarios actuais «obrigan ás familias a facer gastos extra en combustible e aparcamento, unha sobrecarga económica que non todas poden asumir».
Vídeo
Como mostra do compromiso socialista coa causa, o PSdeG-PSOE de Ourense lanzou un vídeo coral no que participan alcaldes e representantes do partido procedentes dalgúns dos concellos directamente afectados polos recortes ferroviarios. No vídeo participan alcaldes e representantes socialistas de Vilardevós, Verín, Laza, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Petín, Vilamartín e O Barco de Valdeorras, territorios que sofren as consecuencias dunha planificación ferroviaria que deixa sen opcións de mobilidade útil á poboación do oriente ourensán.
Segundo explicou Vila, «quixemos que fosen os propios representantes dos territorios afectados, pero sobre todo os veciños que viven esta problemática na primeira persoa, os que expuxesen as súas voces en defensa dun servizo ferroviario digno». O vídeo, que se difundirá a través das redes sociais e perfís do partido baixo o lema «as nosas voces polo tren que merecemos», péchano Álvaro Vila e o propio Xosé Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE.
No vídeo, Besteiro destaca que «Galicia precisa un rural vivo e conectado co resto do país e do Estado. Sen un servizo ferroviario eficaz non hai futuro posible para as nosas comarcas», mentres que Vila subliña que «este non é só un problema do tren, é un problema de dignidade territorial, de igualdade de oportunidades e de xustiza social para as nosas comarcas».
Apoio explícito á Plataforma
O secretario provincial destacou que «desde o PSdeG apoiamos a manifestación, a recollida de firmas e a demanda de recuperación de frecuencias da Plataforma Dereito ao Tren. A súa loita é a nosa loita porque esta non é unha batalla partidista, é unha loita de toda a sociedade civil na que os socialistas estaremos sempre a carón da xente».
Vila explicou que «non pedimos imposibles, pedimos sentido común: horarios que permitan ir e volver nun mesmo día e chegar a tempo aos sitios en franxas razoables». O dirixente socialista lamentou que «unha persoa maior que precisa ir ao médico, un estudante que quere formarse ou unha familia que traballa teñan que escoller entre depender do coche privado ou quedar desconectados do mundo».
O PSdeG-PSOE recordou o seu compromiso histórico coa mellora do transporte público na provincia, tendo presentado ao longo desta lexislatura múltiples mocións relacionadas coa conectividade, incluíndo iniciativas para o transporte metropolitano de Ourense e a defensa dos servizos ferroviarios en toda a provincia. «Galicia precisa un rural vivo e conectado co resto do país. Sen un servizo ferroviario eficaz non hai futuro posible para as nosas comarcas. Por iso, seguiremos loitando polo tren que merecemos», concluíu Álvaro Vila.
A manifestación convocada pola Plataforma Dereito ao Tren terá lugar o sábado 2 de agosto ás 18:30 horas na Estación Vella da Gudiña, cunha ruta que finalizará na moderna estación A Gudiña-Porta de Galicia, simbolizando a demanda dunha infraestrutura que sexa realmente útil para a cidadanía.











