O PSOE plantexa reformular o sistema de xestión forestal para a prevención de incendios

Visita de representantes do PSOE provincial a Alixo
Publicidad

Urxe ao Goberno galego facer plans actualizados de evacuación e autoprotección en caso de lume

A portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, urxiu hoxe á Xunta a pedir a declaración de zona catastrófica das zonas afectadas polos lumes forestais en Galicia, Valdeorras e a provincia de Lugo. Presentou unha batería de iniciativas parlamentarias en positivo para reclamar a reformulación do sistema de xestión forestal cun servizo de prevención único, profesional e equipado dependente da Xunta.

Tamén pediu un plan de recuperación da actividade agrogandeira e forestal fronte ao despoboamento do rural galego e traballos de prevención e concienciación ciudadá. Instou a desenvolver un estudo profundo cun mapa de combustibles actualizado, que permita actuar poñendo o foco na ordenación do territorio con medidas preventivas, como é o desenvolvemento dunha paisaxe en mosaico que permita illar os focos secundarios.

Urxe ademais a realizar plans de autoprotección e evacuación dos núcleos de poboación, e actualizar o dispositivo, implantando unha óptima organización dos medios materiais e humanos.

Publicidad

A responsable socialista instou á Xunta a seguir o camiño marcado polos concellos, sinaladamente o do Barco de Valdeorras, e que cumpra coas súas competencias para pedir a declaración de zona catastrófica na superficie arrasada polos incendios forestais. Esta fórmula, explicou, permitiría axilizar as axudas e medios necesarios para os veciños afectados polos incendios das provincias de Lugo e Ourense.

Sinalou que estes incendios, que xa levan arrasadas 30.000 hectáreas en Galicia, teñen posto sobre a mesa a “gran debilidade” do servizo de prevención e defensa contra os incendios, focalizado polo goberno galego na extinción no canto de adoptar medidas preventivas antes de que comecen os lumes.

Explicou que os concellos carecen da capacidade orzamentaria da que si dispón o goberno galego, que destina cada ano 142 millóns de euros á extinción e prevención de incendios. Engadiu a necesidade de “empregar unha cantidade moito máis importante na prevención que na extinción”, logo de que o informe do Consello de Contas de 2016 sinalara que “debera ser gastado o 87 por cento en prevención e o 13 por cento en extinción”, xusto o contrario do que fai a Xunta.

Rodríguez Dacosta chamou a “reformular a xestión forestal” e a que “unha vez acabado o problema e estes incendios, poñer enriba da mesa os problemas estruturais do mundo rural”, que afronta uns incendios de sexta xeración cun modelo de extinción “máis propio dos anos 90” por parte do goberno galego. Reivindicou así “unha xestión sostible que combine os eixos económico, medioambiental e social” e, advertiu, “se non se reformula os lumes seguirán a ser catastróficos”.

Advertiu de que o principal problema dos lumes en Galicia radica no “abandono absoluto no que se atopa o noso rural”, convertido nun territorio improdutivo, que converte milleiros de hectáreas de mato e arborado nunha “bomba de biomasa”.

Carmen Rodríguez Dacosta amosou a solidariedade dos socialistas galegos cos milleiros de veciños e veciñas desprazados polos lumes e que viron as súas propiedades afectadas polas chamas. Tamén agradeceu o labor dos traballadores e traballadoras que están a loitar contra os incendios forestais, poñendo a súa vida en perigo, así como cos voluntarios desprazados a Galicia para axudar nesta tarefa.