O grupo provincial socialista na Deputación visitou hoxe o entorno da ponte, que será estaurada con 660.000 euros por parte da Confederación Hidrográfica Miño Sil e o Concello
O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense acudiu ao Bolo para poñer en valor o traballo do alcalde, Alberto Vázquez, así como a implicación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), para a reconstrución da Ponte de Barxa, pechado ao tráfico desde o 2019. Ese ano unha forte borrasca provocou o desbordamento do río Xares, orixinando gretas de callado na estrutura e ameazando a seguridade dos usuarios, o cal derivou no feito que deixou incomunicado ao pobo do Seixo.
“O corte fai que os veciños deste núcleo teñan que dar un rodeo moi longo, afectando mesmo ao traxecto do transporte escolar, e despois de seguir un arduo proceso administrativo adobiado da indiferenza das administracións públicas, nomeadamente Deputación e Xunta de Galicia, finalmente atopamos unha solución grazas á axuda da Confederación”, explica o alcalde do Bolo.
Segundo Vázquez, “desde que comecei como alcalde, no 2023, a Ponte da Barxa foi unha das nosas prioridades porque afecta á vida cotiá dos nosos veciños, así que multipliquei os contactos, dirixinme á Deputación de Ourense, á Xunta de Galicia e á CHMS buscando financiamento para desbloquear un proxecto que xa estaba feito desde 2021 e que só precisaba ser actualizado a nivel de custos e normativa medioambiental”.
“¡Non hai dereito a que a Ponte da Barxa se atope así desde hai tanto tempo!”, laiase Alberto Vázquez. Tras numerosas promesas dos gobernos autonómico e provincial, e a imposibilidade de imputar o custo dos traballos ao Plan Cooperou da Deputación, finalmente o Concello do Bolo acadou o compromiso da CHMS para sufragar a restauración da infraestrutura. “Grazas ao convenio asinado coa Confederación, esta comprométese a achegar o 80% do orzamento total, que é duns 660.000 euros, correndo o 20% restante a cargo do Concello, que solicitará un préstamo a tal efecto”, aclara o alcalde.
“Despois de moitos anos xa de traballo intenso, de ter reclamado a axuda de Xunta e Deputación, de levar ao pleno desta a urxencia da reconstrución da Ponte e mesmo impulsado a creación dunha comisión a tal efecto na propia institución provincial, foi grazas á insistencia e traballo do alcalde, amais da responsabilidade amosada por la Confederación, que acadamos a restauración da Ponte”, felicítase Aurentino Alonso, deputado provincial e coordinador na comarca de Valdeorras do Grupo Provincial Socialista.
“Durante todo este proceso foi fundamental a insistencia e perseveranza do alcalde, quen coas súas múltiples xestións acadou por desatascar o proxecto a través da CHMS para que, por fin, os veciños do Seixo e da Barxa vexan normalizada a súa comunicación cotiá”, conclúe Alonso.