O PSOE de Larouco aposta por un goberno municipal que escoite á veciñanza

Publicidad

O candidato a alcaldía Jesús María Martín Arias presentou o programa electoral

O PSdeG-PSOE aposta en Larouco por un goberno municipal que escoite á veciñanza, resolva os seus problemas cotiás e trate de facer máis fácil e mellor a vida diaria dos veciños e veciñas do municipio. Os e as socialistas aspiran a un cambio o vindeiro 28 de maio da man do PSdeG-PSOE, o único partido “capaz de rematar con anos de desleixo e abandono que vive Larouco e a súa veciñanza”.

Nun acto celebrado nas antigas escolas municipais, o candidato á alcaldía, Jesús María Martín Arias, e o seu equipo presentaron diante de ducias de veciños e veciñas o seu programa electoral e o proxecto de futuro que teñen para Larouco. Non estiveron sos, xa que ata Larouco desprazáronse a deputada no Congreso, Uxía Tizón; o senador, Miguel Bautista; e o deputado no Parlamento de Galicia, Eduardo Ojea, para amosar o seu apoio aos e ás socialistas do municipio.

O candidato á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Jesús María Martín Arias, aproveitou a súa intervención para analizar os continuos incumprimentos e as preguntas que seguen pendentes de resposta, tras o que afirmou “foron 4 anos de silencio atronador ante as demandas de información do grupo municipal socialista”. Ante esta situación, o cabeza de lista socialista subliñou que “nós apostamos por un concello no que se teña en conta a todos e a todas, no que non falte unha correcta atención aos maiores e no que se aposte polo transporte público, a mocidade e por potenciar os nosos recursos”.

Publicidad

Martín Arias tamén puxo de manifesto que dende o PSdeG-PSOE “loitaremos por un concello que non esqueza a súa riqueza e patrimonio ambiental, nin tampouco a cultura vitivinícola e por iso presentamos unha aposta real, con candidatos e candidatas que creen naquilo que defenden e sabe que o futuro depende do que se faga no presente”. O candidato socialista tamén subliñou que “apostamos pola mellora e evolución dos núcleos de poboación, escoitando a veciñanza no seu día a día para poder dicir que o noso concello existe”.

Por último, o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Larouco presentou o seu equipo do que afirmou “teñen moitas ganas de deixar atrás as vellas costumes de ser dunha cor ou outra e tratar a todos e todas por igual”. Un equipo que segundo subliñou “ten ganas de construír un proxecto a prol da veciñanza, con ganas de axudar e compartir, deixando atrás o intercambio de favores e que non vén a política a facer negocios, senón a levar a cabo ás medidas necesarias para un correcto benestar social dos veciños e veciñas de Larouco”.

O deputado no Parlamento de Galicia, Eduardo Ojea, apuntou que o PP “leva moitos anos gobernando Larouco e demostraron que non merecen continuar ao fronte do goberno municipal, pois seguen atados a outro tempo”. Neste senso o parlamentario socialista afirmou que “este municipio necesita que outra xente con máis ilusión, que coñeza os problemas de Larouco, traballadores, humildes, que crean naquilo que defenden e que traten a todos por igual asuman o goberno municipal e a única solución é Jesús e o seu equipo”.

A deputada no Congreso, Uxía Tizón Vázquez, aproveitou a súa intervención para poñer de manifesto o “intenso sentimento socialista para cambiar e mellorar as cousas” do candidato ao que lles augurou uns grandes éxitos o 28 de maio porque “nas vilas estamos fartos daqueles que unicamente van rápido para o que lles interesa… pero moi lento para mellorar os nosos pobos, o noso rural”. A parlamentaria insistiu en que “estamos fartos do caciquismo inútil” que utiliza a provincia “para os seus intereses e que nos tratan como se Ourense fose de terceira” antes de proclamar que “merecemos moito máis”.

O senador, Miguel Bautista Carballo, afirmou que “este 28 de maio imos encher as urnas de razóns para darlle a Larouco e a súa veciñanza o futuro que realmente merecen e que non teñen por mor do desleixo e a parálise dos gobernos do Partido Popular”. O petinés tamén subliñou que os e as socialistas “levamos moitos anos loitando por esta comarca, porque non se desmantelen os servizos sanitarios, porque teñamos unha rede de estradas dignas, porque rematen co abandono que sofre Valdeorras da man dun Partido Popular que nin está nin se lle espera”.