O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, será o encargado de dirixir a coordinadora comarcal, que traballa xa coa vista posta nos comicios electorais do 2027
O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coas súas reunións orgánicas no territorio para a constitución das coordinadoras comarcais e desta vez tocoulle a Valdeorras. O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, será o encargado de coordinar a comarca, labor que xa desempeñou ao longo dos últimos anos.
Na xuntanza participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria provincial de política municipal, Susana Rodríguez Estévez. A comarca estivo representada por cargos do partido nos municipios do Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo, O Bolo ou Larouco.
Dende a Executiva Provincial cualifican a reunión como «moi produtiva e frutífera» e destacan que estes contactos «estannos permitindo coñecer as fortalezas e debilidades que temos en cada concello e as necesidades e suxestións dos nosos cargos políticos». Neste senso subliñan que o obxectivo destes encontros e «poñer en funcionamento a maquinaria socialista coa vista posta no 2027, comezar a trazar os plans de traballo e as estratexias de cara a eses importantísimos comicios electorais».
As e os socialistas salientan que Valdeorras «é a día de hoxe unha das comarcas máis potentes e de maior relevancia para o partido» e apuntan que este encontro «busca reforzar o partido naqueles municipios nos que non temos representación, aumentala nos que temos e sumar novas alcaldías, que nestes intres están a piques de cambiar de cor política».
A Executiva Provincial considera que esta labor «é primordial, primeiro para coñecer o territorio, e segundo para traballar cóbado con cóbado cos nosos voceiros e alcaldes na procura do mellor proxecto para a bisbarra e para propiciar o cambio que tanto precisan algúns municipios tras anos de goberno caciquil do PP».
En relación á comarca de Valdeorras, actualmente gobernase no Barco, en Vilamartín de Valdeorras, Petín e Viana do Bolo, cogobernase no Bolo e na Rúa e tense representación nos municipios de Rubiá, Larouco e A Veiga. As e os socialistas póñense como meta aumentar as alcaldías nas vindeiras eleccións, mellorar o número de concelleiros nas que se ten representación e lograr representante nos municipios de Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso.






