Está formado por Beatriz Dourado, María del Carmen Gago, Delfín Caseiro, Raúl Diz e Manuel Xestoso
Mestres que son tamén músicos, poetas que son tamén docentes, investigadoras que tamén escriben narrativa e xornalistas que traducen e fan crítica literaria. O xurado do V Premio Florencio Delgado Gurriarán é unha representación ben acaída do «ecosistema» cultural galego, onde oficios e paixóns se entrecruzan favorecendo a creatividade e a proxección da lingua e cultura. Ese é tamén o obxectivo do certame poético valdeorrés que chega á súa quinta edición cun xurado de luxo integrado por Beatriz Dourado, Delfín Caseiro, Raúl Diz, Mª del Carmen Gago e Manuel Xestoso.
Beatriz Dourado, barcelonesa de raíces galegas, é poeta e docente, e foi a gañadora do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado no 2022, canda as Letras Galegas de Florencio.
Delfín Caseiro naceu en Rairiz de Veiga, é catedrático de Lingua e Literatura Galega, ensaísta e valdeorrés de acepción, xa que pasou boa parte da súa traxectoria profesional nestas terras.
Raúl Diz é tamén ourensán, de Xinzo da Limia, tamén docente, e cunha traxectoria importante como músico en grupos como «Niño y pistola» e «Os amigos dos músicos».
María del Carmen Gago, nacida en Oviedo, é tamén valdeorresa por elección. Escritora, conferenciante e crítica de arte, dirixe a sección poética do Instituto de Estudios Valdeorreses.
Manuel Xestoso, naceu en Santa Cruz de Tenerife, é xornalista, escritor, tradutor e crítico galego.
Esta é a quinta edición do premio pero a primeira que convoca a recén creada Fundación Florencio Delgado Gurrirarán. A súa xerente, Débora Moldes, destacou na presentación do xurado que xa se teñen recibido máis de cincuenta pezas candidatas e que agardan que nestes últimos días entren moitas máis.
Pódense presentar ata tres poemas por persoa e o prazo remata o próximo 15 de setembro de 2024. As obras deben mandarse a través do formulario dispoñible na web florenciodelgadogurriaran.gal onde tamén están recollidas as bases.
Unha vez rematado ese prazo comezará o traballo do xurado, anunciando primeiro os tres poemas finalistas, para desvelar o gañador durante a gala que se celebrará a finais de outubro.
Este certame organízase co apoio económico da Deputación de Ourense e ten un único premio de 3.000€ para un poema, sendo un dos premios literarios coa mellor dotación económica de Galicia.