Propón que se inste ao Goberno central a achegar mais recursos en dependencia e que aumente as prazas MIR
O grupo municipal do PP do Barco levará ao pleno do xoves 8 de maio uunha moción para que se inste ao Goberno central a presentar unha memoria económica concreta na que se avalíe e determine o custo da modificación da Lei de Dependencia; atender as suxestións feitas pola Administración autonómica galega ao cambio normativo que considere as peculiares circunstancias da realidade social e demográfica de Galicia; cumprir co cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno Central sexa equitativa; saldar a débeda acumulada coa nosa Comunidade en materia de dependencia, que ascende a máis de 2.500 millóns de euros, para así poder achegar máis recursos ás persoas dependentes que o requiren e, finalmente, dar traslado deste acordo tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030.
Argumenta a moción sinalando que dúas décadas despois da aprobación da coñecida como Lei da Dependencia, o sistema segue tendo certas eivas. A principal, ten que ver co problema estrutural de financiamento que Galicia leva denunciando desde hai moitos anos.
Cita que a Lei fixa que o gasto dos servizos e prestacións debe asumirse ao 50% entre as Comunidades Autónomas e a Administración Xeral do Estado, «algo que nunca sucedeu e que actualmente segue sen corrixirse».
Falan os populares do Barco do crecente esforzo inversor por parte da Administración autonómica, e tamén da local, para atender ás súas veciñas e veciños, que «non ten a mesma correspondencia por parte do Goberno central».
A pesar diso —engade o grupo municipal do PP— é preciso salientar os avances que se produciron en Galicia. Así, «tal e como reflicten os datos publicados polo IMSERSO, Galicia rexistra unha evolución positiva neste ámbito e na actualidade máis de 77.000 persoas que teñen a súa dependencia recoñecida, reciben un servizo ou prestación. Esta cifra sitúa á nosa Comunidade cunha ratio de atención do 98,46%, unha das máis elevadas de España e 6 puntos por encima da media nacional».
Cita que nos últimos 15 anos o número de persoas dependentes atendidas en Galicia multiplicouse por cinco. «Cada ano a Administración autonómica aumenta o seu orzamento en materia de dependencia para poder seguir ofrecendo servizos aos galegos que o precisen.
É importante poñer en valor estes datos, sabendo que Galicia é unha das comunidades líderes grazas ao esforzo que fai a Xunta de Galicia e tamén os concellos».
Como dato, o PP do Barco sinala que a Xunta de Galicia inviste en dependencia máis de 700 millóns de euros, dos que preto do 70% proceden das propias arcas autonómicas «mentres que a Administración Xeral do Estado faise cargo da parte restante, moito menor. Polo tanto, o que se observa é unha balanza moi desequilibrada que repercute directamente nos servizos e prestacións que reciben os galegos e un incumprimento incontestable do establecido na lei estatal».
Fala de que o pasado mes de febreiro, o ministro de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 presentou o anteproxecto de lei que reforma a Lei de Dependencia e a Lei de Discapacidade, cambios que «conlevan obrigacións para o resto de Administracións sen vir acompañadas do correspondente financiamento, sen ningún tipo de axuda orzamentaria estatal».
Plantexa que a reforma da Lei debe vir acompañada de financiamento que teña en conta as singularidades dos territorios, «porque non todos son iguais», facendo alusión á dispersión e envellecemento da poboación en Galicia. «Non se poden impoñer máis obrigacións aos concellos sen que a reforma veña acompañada do financiamento necesario».
Prazas MIR
O grupo municipal do PP tamén leva outra moción ao pleno na que propón instar o Goberno de España a aumentar o numero de prazas de médicos MIR nas diferentes especialidades sanitarias. Solicitar ao Goberno Central que adopte as medidas para fomentar a formación de especialistas nas áreas con maior necesidade de persoal sanitario.
Argumenta que a necesidade de aumentar as prazas de médicos MIR é necesaria pola escaseza de profesionais sanitarios en certas áreas e especialmente nalgunhas especialidades, como medicina de familia, medicina interna, pneumoloxía e pediatría, dada a crecente demanda de servizos de saúde, debido ao aumento da esperanza de vida e o envellecemento da poboación, facendo que a falta de médicos especialistas poida afectar negativamente á calidade da atención sanitaria e a accesibilidade dos servizos de saúde.
En Galicia —engade o PP— existe unha alta demanda para acceder a prazas de medicina, onde a relación entre aspirantes e prazas é considerable. Aínda que a USC aumentou o número de prazas, a necesidade de mais segue sendo un tema de debate.
Detalla que a formación de médicos MIR é fundamental para garantir unha atención de calidade. «Con esta moción, tratamos de contribuír a mellorar a calidade da atención sanitaria e a accesibilidade dos servizos de saúde en Galicia e en toda España, o que redundaría en beneficio de todos os cidadáns», conclúe.