O traballo é de Roberto Mera e recibiu o Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio en 2022
O Salón Multiúsos da Casa do Concello do Barco de Valdeorras acolle o xoves, día 31 de outubro, a presentación do libro «Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos», do avogado e politólogo Roberto Mera, publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20,30 horas, e nel intervirán, xunto ao autor, o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV), Aurelio Blanco, e o profesor e graduado en Historia Luís Carrón.
Neste libro, dispoñible en versións en galego e en castelán, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877- México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guera civil española.
Pola súa trascendencia na recuperación da memoria democrática, o libro foi galardoado en 2022 co premio Antón Losada Diéguez, na categoría de Investigación e Ensaio.
A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Roberto Mera constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os 16 últimos anos da vida de Alejandro Viana, “un home íntegro e entregado aos demais”, en palabras do autor, “que foi vítima, como tantos e tantas, do esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura”.
Co acto no Barco de Valdeorras, son xa máis dun centenar as presentacións do libro realizadas polo autor para divulgar a figura e a biografía de Alejandro Viana por toda Galicia, nun acto de “xustiza” coa memoria dun home que, no exilio francés, á fronte do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles axudou os seus concidadáns na procura da liberdade, nun exemplo de entrega aos demais, fiel sempre aos valores republicanos.