O acto de presentación será as 19,30 horas no Edificio Multiusos do Concello
O vindeiro venres día 13 ás 19:30 horas terá lugar no Edificio Multiusos a presentación oficial do libro «Traballadoras da Liberdade». A obra afonda nas historias silenciadas de once mulleres que, durante a Guerra Civil e o franquismo, non claudicaron nunca das súas ideas de liberdade e compromiso.
O evento contará coa participación de Rosa M Ferreiro, responsable da selección de textos e coordinadora da edición; Cristina de la Torre, responsable da revisión de textos e estilo; Domingo Díaz Docampo, editor lo libro e Orlando Luis A. Saavedra, concelleiro de Igualdade de O Barco de Valdeorras
«Traballadoras da Liberdade» non é só un libro de historia, é un acto de xustiza poética e documental. A través das súas páxinas, os testemuños das protagonistas e as ilustracións de Manel Cráneo, recuperan as traxectorias de mulleres —moitas delas anónimas ata hoxe— que dedicaron as súas vidas á resistencia, ao compromiso político e á defensa da democracia.
«Este libro nace da necesidade de cubrir os baleiros que a historia oficial deixou, outorgando o protagonismo que merecen aquelas que traballaron, a miúdo na sombra, pola liberdade que hoxe desfrutamos».
O libro recibiu o Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña.
Durante a presentación, proxectaranse fragmentos de entrevistas coas mulleres protagonistas do libro e abrirase un coloquio co público para debater sobre a importancia da perspectiva de xénero na reconstrución da nosa memoria colectiva.






