O delegado da Xunta supervisou co alcalde do Barco as obras do polígono industrial

Publicidad

A renovación conta cunha inversión de 120 mil euros

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse na mañá de hoxe ao concello do Barco de Valdeorras para, da man do alcalde, Alfredo García, supervisar as obras de mellora de infraestruturas do polígono industrial, nas que a Consellería de Economía, Industria e Innovación está a investir 120.000 euros.

O delegado territorial destacou que 8 parques empresariais de 7 concellos da provincia de Ourense (A Gudiña, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Vilamarín e O Barco de Valdeorras),  foron beneficiarios das axudas da Xunta para impulsar a súa competitividade cun total de preto de 612.000 euros.

Gabriel Alén lembrou que estas axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, ían destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias.

Publicidad

Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia. Neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.

As Obras

As obras consisten na execución dunha glorieta no acceso desde o barrio da Proba ao Polígono Industrial do Barco para mellorar a circulación e acceso dos vehículos así como a renovación das beirarrúas da rúa central do polígono e a mellora dos tramos do pavimento que se atopan nun deficiente estado de conservación.

Estas actuacións teñen como obxecto proporcionar un servizo adecuado aos habitantes da localidade, mediante a mellora das infraestruturas viarias do mencionado parque empresarial, adecuándoas ás necesidades dos seus usuarios.

Para levar a cabo as actuacións procedeuse á demolición do pavimento existente no acceso ao polígono desde o barrio da Proba e estase a executar a glorieta central e as novas beirarrúas. Previamente á execución destas, na zona de ligazón co vial que leva cara á ponte sobre o río Sil, constrúense muros de contención dada a diferenza de cotas entre o pavimento actual e as parcelas adxacentes onde se situarán as novas beirarrúas.

A continuación, trabállase no estendido dun pavimento de aglomerado en quente de 5 cm de espesor sobre unha base de 15 cm de saburras e colocarase a sinalización horizontal e vertical correspondente. Na zona dos muros anteriormente mencionados, colocarase unha varanda metálica similar á existente para evitar a caída dos viandantes dada a diferenza de cotas do terreo.

Por último, estase a acondicionar a parcela municipal situada entre o vial e a parcela 219, mediante o saneo do terreo e o estendido dunha capa de saburras naturais de 25 cm e outra capa de saburras artificiais de 25 cm de espesor, debidamente compactadas.

Para a renovación das beirarrúas do vial central do polígono, procederase á demolición do pavimento actual de baldosas, e executarase un pavimento de formigón HF-3,5 de 18 cm de espesor e acabado cepillado, sobre unha capa de 15 cm de saburras artificiais, e repoñeranse así mesmo os tramos de bordo que se atopan en mal estado, e recolocaranse os sinais afectados.