O conselleiro de Medio Rural visitou a aldea modelo de Meixide, na Veiga

Publicidad

Anunciou que a Xunta destina 1,1 millóns de euros a 28 proxectos para recuperación da terra agraria en 14 concellos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou a aldea modelo de Meixide, sita na Veiga. Alí, destacou que se veñen de resolver as axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo —e ámbitos territoriais vinculados aos instrumentos de recuperación da terra agraria—, as cales permitirán desenvolver 28 proxectos nun total de 14 concellos, por un importe de case 1,1 millóns de euros. 

Publicidad

Estas achegas —cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia— teñen como obxectivo mellorar a prestación de servizos básicos locais que contribúan a consolidar os instrumentos de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de potenciar a actividade económica e social naquelas áreas territoriais delimitadas polo perímetro das aldeas modelo declaradas.

Neste senso, José González destacou que grazas a esta liña de achegas, propiciarase a implantación de actividades que poidan xerar emprego e fixar poboación, apoiando a posta en marcha e mellora dos servizos á poboación rural e procurando satisfacer as novas necesidades dos habitantes e das empresas que se localicen nesas áreas rurais.

Publicidad

Desta forma, entre os proxectos aprobados figuran a mellora das redes de alumeado público; a humanización e a rehabilitación de espazos públicos como prazas, paseos e rúas; ou a pavimentación de vías públicas municipais. Tamén se contempla a rehabilitación de elementos patrimoniais tales como fontes, lavadoiros, muíños ou hórreos; a implantación e mellora de servizos asistenciais para a infancia ou os maiores; a dotación ou mellora de servizos culturais ou a dixitalización de núcleos rurais, entre outras accións.

Aldea de Meixide

Precisamente, o concello da Veiga é un dos beneficiarios desta liña de achegas con ata tres proxectos na aldea modelo de Meixide, por importe total de case 142.000 euros. Ditos plans comprenden a rehabilitación da praza pública e do seu contorno, a mellora doutros espazos públicos e a renovación integral da propia aldea. Así, procederase á renovación de pavimentos do espazo común da aldea a base de formigón con bandas de adoquín no seu perímetro. Ademais, a praza central pavimentarase con lousas de granito, como parte do acondicionamento xeral destes espazos.

Publicidad

A aldea de Meixide ten unha superficie dunhas 71,28 hectáreas, integrando ata 646 parcelas de 151 propietarios nunha zona caracterizada polo pastoreo, as terras de labor de secano e unha asociación de coníferas e frondosas. Tras ser declarada como aldea modelo no ano 2020, as terras da contorna xa están en produción coa explotación de vacún en extensivo (con vacas da raza Vianesa), tendo como segunda actividade o cultivo de castiñeiros para a obtención de froito.

Ata o de agora, a Consellería do Medio Rural leva investido máis de 100.000 euros en distintas obras, consistentes no peche e cerramento da área con postes de madeira, instalacións de manexo e alimentación gandeira (bebedoiros, comedoiros, cancelas e refuxios móbiles, etc.), así como infraestruturas gandeiras e instalacións auxiliares de enerxía.

Aldeas modelo declaradas

Por último, cabe destacar que en Galicia hai actualmente un total de 19 aldeas modelo declaradas para recuperar preto de 525 hectáreas distribuídas en case 8.600 predios de preto de 2.200 titulares, co obxecto de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación e a avanzar na anticipación aos incendios. Deste total, 13 localízanse na provincia de Ourense.

Ademais, dos 28 proxectos aprobados ao abeiro desta orde de axudas, 23 son iniciativas que se levarán a cabo nas aldeas modelo da provincia de Ourense, por un importe de preto de 930.000 euros.