O conselleiro de Medio Rural pide cooperación e consenso a todas as forzas políticas para desenvolver a nova Lei contra incendios

Publicidad

José González dixo que é preciso afastar os lumes da loita política e que a norma comenzará a tramitarse en outubro

O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou hoxe no Parlamento que a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais comezará a súa tramitación o vindeiro mes de outubro. Apelou ao consenso parlamentario na loita contra o lume, demandando cooperación, traballo e entendemento a todas as forzas políticas e administracións implicadas. E reiterou o compromiso do Goberno galego a prol dun labor conxunto, de facer política real e de poñer a Galicia por riba de calquera outro interese nesta cuestión.

José González sinalou a oportunidade de lexislar “en consenso” no desenvolvemento desta nova Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia. Unha norma que —salientou— avanza xa en colaboración cos profesionais do Servizo e cos seus representantes, así como incorporando todas as recomendacións da Comisión parlamentaria creada tras os lumes do 2017 e as conclusións do Grupo de expertos independentes.

Tamén en relación con esta lei, o conselleiro amosou o seu convencemento de que a súa aprobación traerá consigo un avance na necesidade de concienciar ao resto das administracións autonómicas —nomeadamente as deputacións— da dimensión deste problema e de implicarse realmente na loita para facerlle fronte.

Publicidad

O conselleiro pediu un pacto político para afastar os incendios da loita partidista, apoiando as medidas estruturais acordadas e implementando outras novas apoiadas entre todos, co fin de converter ao territorio galego nun país moito máis resiliente fronte aos incendios forestais.  

Durante a súa intervención, o conselleiro tamén avanzou que o seu departamento xa ten en marcha actuacións de restauración de zonas afectadas por incendios forestais en Galicia por importe de medio millón de euros, algunhas delas en zonas de Rede Natura.

O titular de Medio Rural aseverou que o Goberno galego traballa de xeito inmediato, incluso antes de dar por extinguido o lume, na avaliación dos danos, para reparar as súas consecuencias. Así, engadiu, a Xunta xa ten acometidas restauracións urxentes con medios propios e baixo os criterios dos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán en varias zonas afectadas polos incendios deste verán, entre elas a área do Courel.

Ademais, José González destacou a estreita comunicación que se tivo desde o primeiro momento con cada unha das comunidades de montes afectadas e sinalou que xa se celebraron cinco reunións nas zonas de Valdeorras e Verín (na provincia de Ourense), do Barbanza (A Coruña), de Caldas de Reis (Pontevedra) e do Courel (Lugo). Unha mostra da vontade do Goberno galego, matizou, de estar sempre cos afectados e de escoitar as súas inquedanzas.

Así mesmo, lembrou a rápida actuación do Executivo galego á hora de poñer a disposición axudas de apoio os damnificados polos incendios forestais do mes de xullo. Nesta liña, destacou os catro millóns de euros que puxo o seu departamento para a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos incendios, dos cales dous millóns de euros son destinados na súa totalidades ás explotacións forestais.

Publicidad

Polo tanto, o conselleiro insistiu en que a axuda por parte co Goberno galego foi inmediata e asegurou que se seguirá traballando en medidas a curto e medio prazo. De feito, lembrou que o Goberno galego destina á prevención e á extinción de incendios máis de 180 millóns de euros, sendo a comunidade autónoma que máis inviste nesta materia.

Un orzamento, engadiu José González, que non só inclúe o Plan preventivo senón todas aquelas accións transversais como poden ser as relativas á recuperación da terra, ao Plan de pastos ou ás de ordenación forestal, entre outras accións.

Precisamente, o conselleiro indicou que se destinaron no período 2021-2022 un total de 5,2 millóns de euros en actuacións preventivas en concepto de limpeza das faixas auxiliares e mellora das condicións das pistas por todo o territorio galego, incluíndo zonas de Rede Natura. Concretamente, en espazos protexidos, o conselleiro indicou que só na zona do Courel (concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga) foron investidos máis de 300.000 euros nesta materia, un dato -engadiu- que é replicado noutras áreas protexidas como no Macizo central e os Ancares.

A estas cifras, explicou o titular de Medio Rural, súmanse outros catro millóns de euros destinados a traballos preventivos e de mellora de infraestruturas a través de subvencións. Unha orde, matizou, que inclúe tamén a construción de puntos de auga e que só no ano 2022 se financiou a creación de 119 novos puntos. Por último, o conselleiro tamén puxo en valor as queimas preventivas programadas neste 2022 dentro do Plan autonómico de queimas prescritas e que comprenden unha superficie de máis de 830 hectáreas de execución.

Afectación por lumes en espazos protexidos

Respecto da afectación dos lumes en espazos protexidos, o conselleiro indicou que a data actual a afectación oscilou nunhas cifras similares ás dos últimos dez anos. Así, trasladou que tal e como recolle o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) do ano 2022, a superficie afectada por incendios forestais en Rede Natura supón o 12,50% do seu territorio total, unha porcentaxe que se incrementa ata o 25,61% da superficie total rexistrada en espazos protexidos. No tocante aos datos deste ano, José González sinalou que a superficie afectada en parques naturais ascende a 20.317,28 hectáreas, pero subliñou que se trata duns datos provisionais.