O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de abril
O prazo para a inscrición nos concursos dos Maios (enxebres e artísticos), as Coplas e Arcos Florais, xa está aberto. As inscricións poden realizarse ata as 12,00 horas do día 29 de abril, e deberán formalizarse, de xeito presencial na oficina da Asociación Centro Comercial Aberto, situada no Viveiro de Empresas (Avda de Galicia, s/n). A festa é organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco.
Nas citadas oficinas se facilitará aos interesados un modelo para incorporar todos os datos para participar nos concursos. En total, repartiranse preto de 1.800 euros en premios nas diferentes modalidades.
O obxecto deste concurso é o fomento da participación no tradicional Día dos Maios. O concurso terá lugar día o 1 de maio de 2025, entre
as 12, 00 horas e as 20, 00 horas, na Praza do Príncipe do Barco de Valdeorras.
Os importes establecidos para os Maios, en cada unha das dúas modalidades (artísticos e enxebres) son os seguintes:
- Un primeiro premio de 350€
- Un segundo premio de 300€
- Un terceiro premio de 200€
- Dous accésits de 100€
Os importes dos premios para as Coplas serán: - Un primeiro premio de 250€
- Un segundo premio de 150€
- Dous accésits de 75€
O premio único estipulado para os participantes na categoría de Arcos florais é un lote de libros por valor de 120€.
As persoas físicas ou xurídicas que se presenten a este concurso poden facelo cun único proxecto de actividades ou con varios, valorándose cadanseu dun xeito independente. Deberán atender aos seguintes criterios:
Composición e recitado de coplas. As coplas concursantes deberán estar escritas en galego. Por limitacións de tempo, o xurado poderá indicarlle as persoas participantes que escollan unhas estrofas das súas coplas para ser cantadas, que serán, como mínimo, dez estrofas.
Elaboración e exhibición de Maios. Os Maios poderán ser de feitura enxebre ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non protexidos) como os únicos que sexan visibles no acabado final.
Os Maios deberán estar ás 11:30 horas na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que dende a organización se lles asigne e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto.
Elaboración e exhibición de Arcos florais. Estes elementos poderán ser de feitura enxebre ou artística, utilizando en todos os casos elementos vexetais (non protexidos) como os únicos que sexan visibles no acabado final.
Os Arcos florais serán expostos na praza do Príncipe de Asturias, no lugar que se lles asigne polos membros da organización, e deberán ser retirados da praza ao finalizar o acto.
Modalidades
Establécense dúas modalidades de Maios: enxebres e artísticos. Maio enxebre é aquel maio tradicional e figurativo que representa pirámides, conos ou cruceiros. Maio artístico é o que recrea, cos elementos tradicionais, figuras, escenas cotiás, monumentos ou obras de arte.
O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da festa e representativas da vida social e cultural do Barco de Valdeorras, o seu fallo será inapelable e darase a coñecer no propio recinto festivo antes das 20:00 horas.