Inician a campaña “Francisco Fernández del Riego: Tecedor de redes” ata o 31 de maio involucrando aos escolares aos e comercios
Un ano máis, a asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco colabora cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de O Barco (CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurillingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela), aos que se unen este 2023 os colexios de Rubiá (CEIP Virxe da Encina) e Sobradelo (CPI Tomás Terrón Mendaña), na organización da campaña “Francisco Fernández del Riego: Tecedor de redes” para festexar as Letras Galegas 2023.
Os establecementos asociados ao CCA O Barco e participantes na campaña, un total 39, amosarán nos seus escaparates cartas de Francisco Fernández del Riego decoradas e con selos coa imaxe do autor elaborados polo alumnado dos centros educativos.
Paralelamente, os cativos da comarca poderán participar nunha xincana buscando as cartas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que deberán selar en cada establecemento. Ao completar
a xincana e ter o folleto cuberto, xunto cos datos persoais, deberán depositalo nunha urna instalada nas oficinas do CCA O Barco (c/ España, 1).
A campaña desenvolverase dende o mércores 10 de maio ao mércores 31 de maio.
Entre tódolos participantes se sorteará un vale de compra de 50€ para investir nas librarías asociadas ao CCA O Barco.
Ademais, se premiará a mellor carta decorada de cada centro educativo cun vale de 25€ para material escolar.