O deputado Néstor Rego plantexa como necesidades prioritarias o arranxo da N-120, a construcción da A-76 e a mellora de ferrocarril
O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, expón a necesidade de que o Goberno do Estado se comprometa con Valdeorras e impulse as estratéxicas infraestruturas viarias e ferroviarias para a comarca. O Bloque Nacionalista Galego traslada as iniciativas rexistradas nas Cortes do Estado coa finalidade de que o Goberno español cumpra cos compromisos adquiridos, a través do Acordo de Investidura conseguido polo BNG, e impulse actuacións urxentes e necesarias.
Néstor Rego, acompañado pola alcaldesa do Concello da Rúa, María G. Albert, o portavoz do BNG no Concello do Barco de Valdeorras, Manuel Agra, o responsábel comarcal do BNG, Roberto Quiroga, e o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Secundino Fernández, así como outros representantes da organización nacionalista na comarca, manifestaron nunha roda de prensa no Barco a necesidade de impulsar as infraestruturas de comunicación para Valdeorras.
“En Valdeorras fomos quedando fóra das principais redes de transporte colectivo do Estado e todo isto agravado polas deficiencias do transporte individual, impedindo movernos con facilidade para conectar coa capital, Ourense, e co resto do País”, dixo a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, quen reclamou vontade política real por parte do Goberno do Estado para rematar coa discriminación que sofre Valdeorras.
Axilización das actuacións na N-120 e a circunvalación do Barco de Valdeorras
O deputado nacionalista Néstor Rego puxo o foco sobre a estrada N-120, “unha vía fundamental para a comarca e que precisa dunha reparación integral”. Rego lembrou que esta actuación figura expresamente recollida no Acordo de Investidura entre o BNG e o PSOE, polo que exixe “a súa execución inmediata e sen máis atrasos”.
Así mesmo, referiuse á necesidade de acelerar as obras de conexión entre estradas, especialmente as referidas á N-120 e á N-536 —denominada circunvalación do Barco de Valdeorras—, cuxas obras están paralizadas ou avanzan a un ritmo inaceptábel. “Desde o BNG rexistramos diversas iniciativas parlamentarias esixindo explicacións polos continuos atrasos e demandando a súa inmediata reactivación”, apuntou Rego.
A-76: unha infraestrutura estratéxica para Valdeorras
Outro dos puntos centrais da comparecencia foi a A-76, autovía que debería conectar Ponferrada e Ourense pasando por Valdeorras. “Falamos dunha infraestrutura estratéxica e clave para garantir o desenvolvemento da comarca, tanto desde o punto de vista industrial como para combater o despoboamento”, afirmou Rego, quen criticou “a falta de avances reais na súa execución e a continua marxinación de Valdeorras nas planificacións do Ministerio de Transportes”.
Ferrocarril: máis frecuencias, horarios adaptados e servizos dignos
No ámbito ferroviario, o deputado do BNG puxo en evidencia o estado das estacións da comarca e a escasa oferta de servizos para a poboación. “É imprescindible mellorar a conexión ferroviaria interna entre as estacións de Valdeorras, así como as conexións con Ourense e co resto de Galiza, con máis frecuencias, horarios adaptados e prezos xustos para a cidadanía”, explicou.
Rego reclamou tamén a restitución do servizo de longa distancia nocturno, o tren hotel entre Galiza e Cataluña, que foi suprimido en plena pandemia e aínda non foi recuperado. “Este tren era fundamental para moitas persoas migradas da comarca que viven en Cataluña e que usaban esta conexión por comodidade, accesibilidade e custo. É un servizo que debe volver a estar dispoñíbel”, concluíu.
Finalmente, reseñou que aínda que servizos como o AVE son importantes, non se poden deixar atrás «as comunicacións que usamos cada día, que son as que articulan o país e que son, xustamente, nas que non se está traballando adecuadamente». Puxo como exemplo que non é admisible que nestos tempos ir desde Valdeorras ata A Coruña en tren leve seis horas.
Iniciativa de Secundino Fernández no Parlamento Galego
Pola súa banda, o deputado Secundino Fernández falou de que vai levar ao Parlamento Galego unha iniciativa sobre o mantemento e necesidade de mellora da N-120, ademais de solicitar celeridade para sacar a concurso o desdoblamento na carretera entre Ourense e o entorno de Nogueira de Ramuín pois «xa hai un ano que foi aprobado o proxecto».
Despois da roda de prensa, O BNG mantivo unha reunión con a Asociación de Silicosis en Valdeorras (Asilival) para abordar temas alusivos a este colectivo.