Levou o asunto ao Parlamento sinalando que dita reforma xa leva catro prórrogas desde 2022
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galega, a iniciativa do deputado Secundino Fernández Fernández e da deputada Iria Carreira Pazos, presentou unha proposición non de lei para debate en Pleno sobre os atrasos e as continuas prórrogas nas obras de reforma das consultas externas do hospital de Valdeorras. Instou á Xunta de Galicia a esixir á empresa encargada de executar a obra que cumpra o prazo e que a obra se remate antes do 31 de decembro do 2024 e non conceder máis prorrogas para esta obra.
O BNG califica de «despropósito en forma de prórrogas e prórrogas» dita situación no distrito sanitario de Valdeorras e que son as veciñas e veciños os que están a sufrir as consecuencias.
«Imos pola cuarta prórroga. Dende o BNG non comprendemos nin entendemos como unhas simples obras teñen este atraso continuado no tempo. Parécenos realmente vergoñento», expón o grupo nacionalista.
A Consellería de Sanidade encargou a empresa TRAGSA no mes de agosto do ano 2022 as obras de reforma, que contaban cun prazo de execución dun ano e un orzamento de 650000 euros. «Non parecían demasiado problemáticas nin tampouco cuantiosas pero comezaron o seu particular vía crucis de demoras e prórrogas o que xa parece unha broma de mal gusto», conclúe o BNG.
O Bloque Nacionalista Galego esixe á Xunta de Galiza o remate sen mais demoras de ditas obras.