Traslada unha proposición non de lei para debate no pleno do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada María González Albert e do deputado Luis Bará Torres, presentou unha Proposición non de lei para debate no pleno do Parlamento, relativa á situación de incomunicación que padece a veciñanza de San Vicente de Leira.
O BNG insta a Xunta de Galiza a colaborar con urxencia co Concello de Vilamartín para mellorar a seguridade viaria da estrada que une O Mazo co Robledo e San Vicente de Leira; e proceder á consolidación e arranxo da ponte sobre o regato Pereanes para garantir o acceso á parroquia neste outono e inverno e polo tanto o acceso da veciñanza de San Vicente ás súas propias casas e aos servizos públicos e, finalmente, estabelecer un convenio de colaboración coa Deputación de Ourense para atinxir unha alternativa segura e viábel para o acceso a San Vicente a través da OU-0807.
O BNG argumenta que hai 29 anos que comezaron os problemas de desprendementos e deterioro da estrada de acceso a San Vicente de Leira, (daquela CV-324, hoxe OU-807) como «consecuencia directa dos traballos de explotación dunha canteira, «San Vicente».
Os nacionalistas contan que os dereitos de explotación desa canteira foran consolidados en 25 de maio de 1983 baixo a titularidade da sociedade PIVALSA. En xaneiro de 1993 a sociedade “Canteras Villamartín SL” (CAVIMA) adquiriu a PIVALSA esa explotación, «comezando entón unha explotación moito máis intensiva iniciando así os primeiros problemas de inestabilidade nos noiros, anticipo de todos os problemas que viñeron de aí en diante».
Lembra o BNG que dende 1993 houbo desprendementos, peches de actividade, informes negativos, propostas de estabilización, novas licencias, reapertura de actividade, peche definitivo da explotación, peches da estrada e problemas de acceso.
San Vicente de Leira segue aillada. A súa carretera se veu abaixo definitivamente neste 2022. A Deputación sinalizouna como “estrada cortada” na primeira semana de marzo de 2009. Desde entón, e nos seguintes cinco anos, «a Administración provincial dirixida polo Partido Popular non tomou ningunha medida activa para solventar o problema máis aló desa propia sinalización», engade o BNG.
Despois de 9 anos, o 10 de marzo de 2018, sen ter afrontado en todo ese tempo ningún traballo de consolidación, a mesma Deputación de Ourense ratifica o illamento de San Vicente de Leira colocando unha valla na entrada do pobo e impedindo así o acceso rodado ao lugar —e dificultando en boa medida o acceso peonil—.
A única alternativa que quedou á veciñanza de San Vicente de Leira era a pista municipal que accede á parroquia dando un importante rodeo a través do Mazo. «Trinta anos de xogar ao pim pam pum coas persoas afectadas escudándose no reparto (e non asunción) de competencias entre Deputación de Ourense, Concello de Vilamartín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Xunta de Galiza», din os nacionalistas.
Mentres, nestes 30 anos, o pobo esmorece: 72 habitantes censados en 2021 segundo o IGE mais que na realidade non chegan a 10 as persoas que son quen de resistir aí durante todo o ano. No ano 2000 eran 179 (INE. Padrón Continuo por Unidade Poboacional).
Na primavera deste 2022 houbo un desprendemento que afectou á balsa de residuos da canteira pechada sobre o regato Pereanes, que rebordou, e que de rebote provocou importantes danos na estrada alternativa que usan as veciñas e veciños de San Vicente para desprazarse e para acceder a servizos públicos.
O 11 de maio, unha reunión na sede da Deputación rematou co estabelecemento de tres supostas prioridades: baleirado da balsa de auga causante da riada, sinatura dun convenio entre Deputación e Concello para a mellora da vía alternativa e análise da posibilidade de executar en fases o proxecto de recheo da vaguada xerada polo desprendemento para consolidar o terreo, cun orzamento total que “se aproxima aos 14 millóns de euros”, segundo afirmou á saída desa reunión o deputado de Cooperación da Deputación de Ourense, Pablo Pérez .
Naquel momento fixéronse traballos de urxencia para retirar as árbores e demais materiais que a riada da balsa arrastrou até a estrada do Mazo. «Desde entón e até hoxe a nada máis absoluta. «Nese punto no que traballaron as máquinas o único que mantivo en pé até o de agora o pontón que atravesa o regato foi o feito de padeceren a primavera e o verán máis secos da nosa historia», suliña o BNG.
Agora, coa chegada do outono e con el as ansiadas choivas, a veciñanza de San Vicente está alertada ante a máis que probábel posibilidade de ficaren totalmente illada no caso de ceder esa ponte.