Presentará unha moción no pleno desta semana para solicitar ditas instalacións
O grupo municipal do BNG levará ao pleno desta semana unha moción na que propoñerá a dotación de dúas pistas de tenis novas, unha delas cubertas. A posible ubicación, di, podería ser o Campiño de Viloira; o Polígono da Raña, «aproveitando a sinerxía do clube de Pádel» ou ben terrenos de CEDIE, e o acceso, automatizado a través do móbil.
O BNG argumenta que van máis de 20 anos dende a última vez que se construíu unha pista de tenis no concello. Se ben o Concello do Barco fixo esforzos recentes en acondicionar a pista de Calabagueiros (novos focos e limpeza da superficie), «unha soa pista destas características considérase insuficiente para un concello de case 13.000 habitantes. E hai que ter en conta tamén que as pistas ao lado das piscinas non se poden considerar útiles para o uso amateur», engade.
O grupo municipal do BNG lembra que no Barco sempre houbo afección ao tenis, antigamente o Club de Tenis Barco adestraba nas instalacións de CEDIE e na antiga pista da Campiña (actual residencia da terceira idade). Este clube desenvolvía unha acción social importante involucrando no deporte a persoas de todas as idades, dunha forma moi similar ao que fai agora o Club de Pádel Valdeorras.
Explica que hoxe en día, «nótase que a demanda volveu, como se puido comprobar este verán, estando a pista de Calabagueiros case sempre ocupada, tendo que ir algúns xogadores ata A Rúa ou Petín para poder xogar. A maiores, recentemente en Valdeorras estanse construíndo ou reparando pistas de tenis; por exemplo, reparación da pista de tenis do Aguillón na Rúa, en Petín, ou a nova pista proxectada en Vilamartín».