A escultura das Letras Galegas colocada no Malecón foi feita por estudantes e a comunidade escolar fixo unha concentración na que pediu «respecto ao noso traballo»
Na mañá do 22 de maio, os traballos realizados polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega sobre Luísa Villalta, autora á que este ano se lle dedican as Letras Galegas, aparecían destruídos no Paseo do Malecón do Barco de Valdeorras, onde estaban expostos.
Os centros de ensino que elaboraron o «Pórtico a Luísa Villalta» (ES Martaguisela e Lauro Olmo, os CEIPs Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo de Viloira e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá) condenaron os feitos. Hoxe houbo unha concentración no Malecón para rexeitar o vandalismo.
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG pide ao Concello do Barco que condene públicamente estes actos de vandalismo contra a cultura e contra o traballo e esforzo realizado polos centros educativos. Ao mesmo tempo, solicita ao Concello que se solidarice coa comunidade educativa que se viu afectada por este actos vandálicos.
Igualmente, o BNG do Barco di que «estaría ben recoñecer e parabenizar a resposta que na mañá deste xoves deu a comunidade educativa reunindo o alumnado nun acto de desagravio no Malecón do Barco».