Falou dun modelo de concerto económico un financiamento propio da Xunta que pasaría tamén pola creación dunha Axencia Tributaria
A Rúa acolleu a presentación da proposta do BNG que leva por nome «Galiza coa chave dos seus cartos», que está percorrendo comarcas e concellos, para propoñer un modelo de financiamento propio para a Xunta. No acto estivo a deputada Noa Presas e a alcaldesa do municipio, María González Albert.
O BNG falou do actual sistema de financiamento mediante o que —considera— Galicia non ten capacidade de xestionar directamente os seus ingresos. Afondou nos impostos que pagan os galegos e galegas, «que non van directamente á Xunta, senón que é o Ministerio de Facenda, en Madrid, quen os recada e logo distribúe dun xeito arbitrario e inxusto».
Considera o BNG que este sistema pon en risco a sanidade, o ensino e os servizos sociais. E afirmou que o actual sistema de financiamento discrimina a Galicia e non ten en conta as características da Comunidade galega, como a dispersión e envellecemento da poboación, o que supón que o custo dos servizos sexa máis alto que noutras zonas do Estado.
O BNG defende un «modelo de concerto económico, máis xusto e transparente», que suporía para a Xunta de Galicia plena capacidade normativa e de xestión para recadar e decidir en que invertir os impostos, cunha Axencia Tributaria propia e un novo sistema fiscal que correxiría desigualdades económicas e axudaría a redistribuir a riqueza.