O BNG pide á Xunta que actúe xa para garantir a potabilidade da auga nos concellos afectados polos arrastres dos lumes

Publicidad

O deputado Secundino Fernández rexistró pola vía de urxencia unha iniciativa parlamentaria para reclamar medidas

O portavoz do Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, reclámalle á Xunta de Rueda medidas urxentes que garantan a potabilidade da auga de consumo nos concellos de Valdeorras, afectados polos arrastres de cinza tralos incendios deste verán.

Para o deputado nacionalista,  unha das consecuencias máis graves e prexudiciais do lume en Valdeorras é a contaminación das augas provocada polos arrastres desde as zonas queimadas, que están chegando aos cursos fluviais e aos acuíferos utilizados para o abastecemento humano. Esta situación está a obrigar a concellos como A Rúa a repartir auga embotellada entre a poboación ante a imposibilidade de consumir a da traída.

«En lugar de tomar medidas, a Xunta dedicouse a botar balóns fóra, tentando trasladar a súa responsabilidade a outras administracións», criticou Fernández, quen cualificou a actitude do Executivo galego de «neglixencia de libro» e de «desprezo absoluto cara ás veciñas e veciños de Valdeorras. ¿Como pode o goberno de Rueda deixar a poboación nesta situación sen adoptar ningunha medida efectiva?», preguntouse.

Publicidad

É por iso que o BNG vén de rexistrar pola vía de urxencia unha iniciativa para reclamarlle ao Goberno galego as actuacións e medidas necesarias para garantir a calidade e potabilidade das augas de consumo nos concellos afectados, traballando en colaboración cos alcaldes e alcaldesas.

En Seadur, no Concello de Larouco, produciuse un foco de lume que derivou nun incendio de grandes dimensións afectando gravemente ao ecosistema local e á seguridade das persoas. Foron, lembra, cerca de 40.000 hectáreas arrasadas polas lapas en terras de Larouco, O Bolo, Petín, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda, O Barco, Rubiá, A Veiga, Quiroga e terras limítrofes da Castela León.

Ás consecuencias económicas directas dos lumes únense agora os danos causados indirectamente polas choivas nas zonas arrasadas nos montes desta comarca, nos que a orografía do territorio favoreceu a erosión e a perda de solo.  Uns arrastres que chegan tamén aos cursos de auga provocando unha contaminación que afecta a auga de consumo humano, tal e como foi manifestado polos alcaldes da zona afectada nestes días.