Presentará unha moción no Barco para que se inste ao Ministerio de Transportes a executar a reparación desta estrada
O BNG do Barco presentará unha moción no pleno do Barco para que o Concello do Barco inste ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a executar de maneira inmediata e integral as obras de reparación da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense e tamén outros traballos o desdobramento da vía onde sexa posible.
O portavoz do grupo municipal, Manuel Agra, argumenta que Valdeorras ten nove concellos que suman unha poboación de 25.050 habitantes, sendo unha das máis poboadas da provincia de Ourense.
A estrada N-120 é a principal vía de comunicación que ten O Barco e a comarca coa capital da provincia, Ourense (tamén co resto de Galiza e da Península). «Os mais de 100 quilómetros que nos separan da cidade de Ourense son transitados diariamente por numerosas veciñas e veciños que deben acudir a citas médicas hospitalarias, xestións, estudos, traballos e outras cuestións», di.
Afirma que a situación da N-120 no traxecto que discorre entre Valdeorras ata Ourense «chegou ao límite tolerable no tocante ao mal estado». Lembra que a perigosa situación na que se atopa o firme en distintos tramos, despois de anos de abandono, así como os problemas de seguridade viaria que isto xera, foi denunciado reiteradamente nos últimos anos polo BNG, recollendo as queixas e reclamacións das persoas usuarias. Por iso, unha estrada que precisa urxentemente mantemento e reforma.
As alertas e as queixas, engade o BNG, proceden tanto dos habitantes da zona como do persoal sanitario e condutores de ambulancias, do sector empresarial e do transporte que se lamentan da falta de atención por parte do Ministerio de Transportes e do cada vez maior illamento da comarca que case non ten outra opción de vía de comunicación e transporte.
«A N-120 é a principal vía de conexión actualmente dado que a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada segue sendo un proxecto. Coa perda de servizos do Hospital Comarcal de Valdeorras e coa redución de frecuencias en tren e autobús, o uso da N-120 para viaxar a Ourense faise, diariamente, cada vez máis imprescindible», expón Manuel Agra.
Tamén, é unha estrada que se quedou obsoleta para soportar o tráfico rodado posto que «actualidade carece de capacidade para absorber a circulación diaria, non só polo mal estado, senón tamén pola escaseza de carrís de adiantamento. Sen dúbida, trátase dunha infraestrutura que non é competitiva para o sector do transporte, sector empresarial e para a conexión coa cidade de Ourense», conclúe.






